Xoán Carlos Domínguez Alberte
27/maio/21 21:22
'Longa noite de pedra' (1962), de Celso Emilio Ferreiro, é un feito singular na poesía galega. A súa repercusión, contundente e duradoira, contribuirá a visibilizar os paredóns de atraso e represión da ditadura franquista. Esgotada logo a importante tirada da primeira edición, pronto circularán copias dos poemas, convertidos en cancións de protesta, entre o estudantado universitario compostelán. A edición bilingüe de 1967 divulgou os seus versos no ámbito peninsular. A gran popularidade acadada determinou que este título se convertese en símbolo da falla de liberdades de todo aquel período. A proxección do poeta, dunha ampla obra e múltiples rexistros, ficou moi identificada coa denuncia social.