'Aí vén o maio!'

Xoán Carlos Domínguez Alberte: “Celso Emilio é ben consciente do poder –e do deber– da palabra poética”

Xoán Carlos Domínguez Alberte é escritor e profesor de Lingua e Literatura. Preparou para Nós Diario o fascículo sobre Longa noite de pedra, o derradeiro do coleccionábel Aí vén o maio.

Xoan Carlos Domínguez
photo_camera Xoan Carlos Domínguez (Foto: Minia Domínguez)

A publicación de Longa noite de pedra, di vostede, supón unha renovación rotunda no discurso poético galego de posguerra. Por que? En que consiste esa renovación?

Pola mudanza do enfoque. Ata a obra de CEF a inquietude cinxíase, sobre todo, no individuo e nos seus íntimos circunstanciais. Porén a aparición desta voz suporá un cambio de perspectiva dende o complementario deica ao nuclear. Isto é, as problemáticas diversas serán enxergadas en función da súa razón de ser. O discurso poético mergúllase nas causas e consecuencias que a inxustiza social conleva para calquera cidadán ou cidadá.

O valor do abordado, con responder a circunstancias concretas, derivadas dun contexto de todo adverso, acada unha dimensión polivalente, universal.

E isto cunha nova linguaxe, transparente e de grande eficacia poética, debido á forza expresiva e á riqueza de imaxes.

Cales son núcleos temáticos de LNP?

Dunha banda está o polo conformado pola negatividade ambiental, onde se inclúe a denuncia da guerra, da falla de liberdade, a explotación capitalista, o antifranquismo. Doutra –e exprésoo en clave metafórica, consonte o propio título do libro- está a ‘luz do abrente’, que representa a esperanza, que se identifica coa afirmación da terra ou coa vindicación da infancia.

Entremedias a voz poética é quen de asumir unha expresión coral colectiva. Que é capaz de representar as terríbeis circunstancias do conxunto dunha poboación sometida polo poder establecido e imposto polas armas. Mais tamén o drama íntimo do individuo exposto a todo tipo de inclemencias.

O título entrou no imaxinario popular e tornouse equivalente do período da ditadura franquista. Sen dúbida iso axudou a popularizar a obra de Celso Emilio, non?

A sexta edición –publicada en 1975 por Edicións Castrelos, e incorporada na súa Poesía galega completa, que preparou Ramón Nicolás– é a definitiva. Contén un prólogo do propio Celso Emilio merecente de reler con atención.

Nel recoñece que é o seu un libro moi favorecido pola fortuna. Xa, naquel entón, con máis de 25.000 exemplares espallados polo territorio español e latinoamericano.

As razóns, na súa opinión, explicaríanse por haber nesta obra unha ‘antropoética’, unha expresión da carne feita verbo, do home revelado pola palabra. Ao que, como indicaba Ernesto Cardenal, lle cumpría engadir que “a verdá, cando ten vontade de ser poema, xa é poesía”.

Tamén a música tivo un papel importante na difusión da obra...

Así é. Pero é ben advertir que, coa tiraxe esgotada e ben lonxe aínda de se reeditaren, os poemas deste libro circulaban, xa  en plena década dos sesenta, de boca en boca e man en man nas aulas da universidade compostelá.

Foron, logo, os/as estudantes quen primeiro lles outorgou, con degoro e ansias de liberdade, viva voz. Ao que logo seguiría un ronsel inesgotábel de interpretacións, de amadores e profesionais, que chega ata o presente.

Versos, polo tanto, convertidos en excelentes partituras. Nos que a súa musicalidade exerce de complemento dunhas letras cheas de contido.

Celso Emilio define a súa poesía como poesía de solidariedade, non poesía social.  Serviría para hoxe, pasados máis de sesenta anos, esa definición?

Sen dúbida. El é ben consciente do poder –e do deber– da palabra poética. E así o expresa nos versos deste libro, en alegato contra os que chama ‘poetas conformistas desta terra’.

Velaí, entón, o seu dicir: “mentras o home loita, chora e sofre,/cantade a violeta, a margarida,/e desfollade a rosa reticente/dos vosos mínimos problemas.../decide sí a todo e medraredes”.

Tal e como asemade fan explícitos os versos do poeta brasileiro Manuel Bandeira que introducen esta obra: “Não quero mais saber do/lirismo que não é libertação”.

Finalmente, este é o derradeiro fascículo da colección tamén a derradeira das entrevistas. Quere facer unha valoración desta proposta de Nós Diario?

Iniciativas coma esta ademais de necesarias son imprescindíbeis. En especial ante a renuncia do poder institucional de promocionar ben a cultura.

A nosa creación literaria, merecente das máximas atencións, reflicte de xeito fidedigno a identidade dun pobo diferenciado con voz propia.

Cómpre pórmos en valor o conxunto do sistema literario galego e, cunha contextualización pedagóxica, dálo a coñecer. Ao conxunto da poboación. Facendo especial énfase na xente nova e en quen non le de xeito habitual na nosa lingua.

Un labor que debe chegar ao mesmo presente. E valla como exemplo a –para a maioría– descoñecida figura de Xela Arias. Dona dun discurso novidoso e cheo de atractivo para os máis novos.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios