Dez poemas descoñecidos de Celso Emilio Ferreiro por mor da censura saen agora á luz

Escritos todos eles orixinalmente en castelán, formaban parte da obra Antipoemas
poemas celso emilio ferreiro foto hugo paz
photo_camera (Foto: Rodrigo Paz)

O Colexio de Procuradores de Vigo e a Fundación Celso Emilio Ferreiro presentaron un total de dez poemas descoñecidos de Celso Emilio Ferreiro debido á censura.

No acto, que tivo lugar no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), antigo xulgado no que Celso Emilio Ferreiro traballou como procurador entre os anos 1950 e 1966, participaron o decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño; o director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro Loredo; o biógrafo de Celso Emilio Ferreiro, Ramón Nicolás, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Os dez poemas descoñecidos de Celso Emilio Ferreiro, escritos todos eles orixinalmente en castelán, formaban parte da obra Antipoemas, textos que foron censurados do libro en 1972 e que se descubriron após atopar, no ano 2020, un arquivo inédito do seu expediente profesional en Vigo que permaneceu uns 70 anos no esquecemento.

José Antonio Fandiño sinalou que "foi unha sorpresa coñecer a faceta de procurador de Celso Emilio Ferreiro". "Recibimos da man da familia do autor un poema descoñecido que reflexiona sobre a Xustiza. A partir de aí, comezamos a indagar pola súa procedencia", engadiu.

"É de xustiza sacar á luz poemas que, no seu día foron censurados, para que todos podamos sorprendernos con este novo Celso Emilio Ferreiro que estamos a descubrir", sentenciou Fandiño.

Así mesmo, Ramón Nicolás repasou a traxectoria de Celso Emilio Ferreiro como procurador na cidade de Vigo, non sen antes resaltar a vida e obra do autor celanovés así como agradecer o traballo de todas as persoas que permitiron coñecer os dez poemas.

Nesa mesma liña mostrouse Luís Ferreiro Loredo, quen tamén quixo homenaxear ao seu antepasado recitando algunhas das súas poesías. Ademais, Rosario Álvarez destacou o importante papel de Celso Emilio Ferreiro na literatura galega e a súa gran conexión coa sociedade da súa época.

Ao termo do acto, todos os participantes leron os dez poemas descoñecidos de Celso Emilio Ferreiro. Poemas titulados O condado, Juan vive moi ben en Caracas, Hai que definirse, A cidade asaltada, O outro camiño, Foro xulgo 1972, O que o tempo espera, A trata,  e 'elegrama diferido.

Comentarios