23-X

Formoso cre que cun Goberno de PP e Vox "os poemas de Rosalía estarían vetados"

O líder do PSdeG chama a cidadanía galega a "reaccionar" ante unha "ameaza que está máis viva que nunca".
O ministro de Sanidade e número 1 do PSOE ao Congreso pola Coruña, José Miñóns, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esta segunda feira, en Santiago. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O ministro de Sanidade e número 1 do PSOE ao Congreso pola Coruña, José Miñóns, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esta segunda feira, en Santiago. (Foto: Nós Diario)

O PSOE volveu insistir esta segunda feira en que a alianza entre PP e Vox é "un ataque" contra a "identidade cultural dos pobos" do Estado que, aliás, "ameaza a liberdade cultural" por razóns "ideolóxicas", como, din, evidencian as "cancelacións" e "vetos" a determinadas obras artísticas. Así o denunciaron, nunha visita a Santiago de Compostela, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; o ministro de Sanidade e candidato número 1 ao Congreso pola Coruña, José Miñóns, e o cabeza de lista ao Senado pola mesma circunscrición, Xosé Sánchez Bugallo.

Os tres representantes do Partido Socialista atenderon os medios no centro histórico compostelán antes de participar nun encontro con representantes do sector cultural galego, aos que trasladaron a súa "preocupación" pola "ameaza" que ven nunha posíbel chegada de Vox ao Goberno español da man do PP. "Estamos a asistir a vetos a obras teatrais, cancelacións de mostras de expresión da cultura simplemente por veto ideolóxico, que está intrínseco nos acordos que está a chegar o PP con Vox en toda España", aseverou Formoso, que remarcou que estas alianzas "significarían que Celso Emilio Ferreiro non puidese existir, ou que non puidesen existir os poemas de Rosalía de Castro porque estarían vetados".

Así, incidiu en que "preocupa enormemente" o "ataque" á lingua galega e que, por tanto, o PSOE "non vai pasar polo aro" e vai seguir "denunciando" esta situación para lograr que a sociedade da Galiza "reaccione ante esta ameaza que está máis viva que nunca". "O 23 de xullo temos a obriga e a responsabilidade como pobo galego de freala", reiterou.

Pola súa parte, o ministro de Sanidade subliñou que "cando non se defende a cultura é cando se pretende censurala", porque "unha sociedade sen cultura é unha sociedade moito máis empobrecida" e que "non respecta nin os dereitos máis básicos". "É a sociedade que quere [Alberto Núñez] Feixoo e o seu socio de goberno, [Santiago] Abascal", engadiu. Neste sentido, puxo o foco en que resulta "rechamante e dramático" que "alguén que pretende ser presidente do Goberno", en alusión ao candidato do PP, "crea que 1984 foi o ano en que se escribiu unha das novelas máis importantes de George Orwell e non sabe, precisamente, que é o título dese libro".

Miñóns remarcou, a continuación, que esta novela "precisamente fala da censura á cultura, de desigualdades, de falta de diálogo, de imposición ou de pensamentos único"; ideas que ligou ao ideario dun Feijóo ao que ve "instaurado" no "autoritarismo" que, di, practió durante "antos anos" na Xunta. Deste modo, e após defender que o "apoio" do Goberno á cultura plasmouse estes anos en cuestións como o plan de recuperació para o sector ou o bono de consumo para os mozos, o ministro apelou ao voto dos galegos porque "só hai un partido que pode parar este ataque e é o Partido Socialista".

Debate electoral

O candidato socialista tamén se referiu ao 'cara a cara' que esta segunda feira protagonizarán o presidente do Goberno estatal e candidato socialista, Pedro Sánchez, contra o aspirante do PP, Alberto Núñez Feixoo, ao que convidou a sumarse a participar en máis debates, especialmente o que quere organizar TVE. Para o responsábel do Executivo, a cita desta noite servirá para "desmentir todas aquelas cousas que ao longo destas semanas, neses monólogos, estamos a ver polo candidato máis trampista que hai".

"Trampista con 'A', como digo sempre", continuou Miñóns para especificar que se refire ás "trampas" que ve no discurso de Feixoo, que ofrece "sempre titulares que a xente quere escoitar pero que realmente non pretenden levar a cabo".

Comentarios