O arquivo persoal do galeguista Xosé Velo estará a disposición da cidadanía

A Deputación pontevedresa porá a disposición da cidadanía o arquivo persoal do galeguista Xosé Velo a través dunha publicación que esperan facer no 2022.
XOSÉ VELO ARQUIVO2333
photo_camera O produtor Aser Álvarez e a deputada María Ortega.

A Deputación pontevedresa vén de anunciar a adquisición de parte do arquivo persoal de Xosé Velo, político galeguista, no día que se fan 60 anos da arenga que deu no secuestro do Santa María para protestar polas ditaduras de Franco e Salazar. 

A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, anunciou a próxima publicación dun libro cunha escolma do material inédito adquirido, ademais da colaboración no documental Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra, dirixido por Aser Álvarez. “Queremos pór en valor a figura, obras e ideas dunha persoa que loitou pola liberdade e que a cidadanía teña a disposición todo o material das persoas que traballaron e sufriron para que nós hoxe deamos pasiños para acadar unha democracia madura e sen complexos”, expresa Ortega. 

A escolma dese material reunirase nunha publicación propia da Deputación, que pretende saír á luz, como moi tarde, no ano 2022, coincidindo co 50 aniversario do pasamento de Velo. Ademais a Administración tamén realizará outras iniciativas para a difusión da figura do político galeguista, coa colaboración do documental de Álvarez, que xa está dispoñíbel na web de Arrianos Producións e na canle de Youtube da Deputación. 

Para conmemorar a efeméride da toma do Santa Liberdade, Álvarez presentou na xornada de onte unha pequena peza audiovisual recreando a arenga que Xosé Velo fixo a bordo do transatlántico para explicar á tripulación e á pasaxe cales eran os motivos da súa acción política.

“Franco e Salazar quixeron cualificalos de piratas, mais o dereito internacional demostrou que non”, subliñou o produtor. A peza pódese visualizar nas redes sociais da Deputación e tamén na canle de Vimeo da produtora. 

Dentro dos numerosos documentos que ten o “Arquivo Velo”, a Deputación resalta as cartas que Celso Emilio Ferreiro lle enviou ao político galeguista (1969, 1971 e 1972). Un epistolario de “moito interese”, cualifican desde a Administración, xa que Celso Emilio Ferreiro escribía abertamente a Velo sobre a emigración galega en Caracas e sobre as circunstancias que o levaron a desenvolver a súa obra Viaxe ao país dos ananos, o seu traballo literario en xeral e as súas opinións políticas.

Este apartado tamén inclúe unha misiva ao xeneral Humberto Delgado sobre as circunstancias do secuestro do Santa María. 
 

Comentarios