Nova Galega de Danza estrea 'Credo' nas Pontes

A compañía achega este espectáculo despois de obter un recoñecemento nos premios Max por outra das súas pezas. As entradas para gozar da nova produción esta sexta feira, 3 de decembro, xa están á venda.
Ensaio do novo espectáculo de Nova Galega de Danza. (Foto Ignacio Urrutia)
photo_camera Ensaio do novo espectáculo de Nova Galega de Danza. (Foto: Ignacio Urrutia)

A compañía Nova Galega de Danza estreará esta sexta feira, 3 de decembro, o seu novo espectáculo no Cine Alovi das Pontes. O público poderá gozar da proposta Credo, unha adaptación poética da obra de Celso Emilio Ferreiro

Segundo a agrupación, dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán Jaime Pablo Díaz, con esta montaxe procuran achegar "a viaxe interior que supón o Camiño de Santiago".

Para iso combinaron música e danza, "unindo na mesma liña conceptual os cruceiros de pedra que se atopan na paisaxe galega" e, con especial atención, a aqueles elementos que se deixan notar na ruta das e dos peregrinos.

As entradas para ver en acción as bailarinas e bailaríns Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Amara Pérez xa están á venda. 

As persoas espectadoras que aposten neste espectáculo que chega á vila pontesa tamén gozarán coa música orixinal de Sergio Moure, que "interpretará os sons dunha Galiza intemporal imbricada na multiculturalidade propia do Camiño".

A coreografía que se levará ás táboas correu a cargo de Fabián Thomé, coa coreografía tradicional da man de Jaime Pablo Díaz

Gañadora dun premio Max pola peza 'Leira'

Como atractivo extra para mercar as entradas, que están dispoñíbeis para calquera dos dous pases (ás 19 e ás 21 horas) por cinco euros, cabe lembrar que esta compañía nacida en 2003 é a primeira agrupación galega que obtivo o recoñecemento dos premios Max. 

Neste ano foi quen de levar o galardón ao Mellor intérprete masculino de danza para Iván Millar pola peza Leira, que tamén obtivera unha candidatura ao Mellor Espectáculo de Danza no mesmo certame.

Comentarios