Imprimir

O piragüismo lucense recibe 96.000 euros da Deputación

Redacción | 13 de xaneiro de 2021

Efrén Castro e Alfredo Bea, durante a sinatura do convenio. (Foto: Deputación de Lugo).
Efrén Castro e Alfredo Bea, durante a sinatura do convenio. (Foto: Deputación de Lugo).
Un total de sete clubes veranse beneficiados

O deputado de Deportes de Lugo, Efrén Castro, e o presidente da Federación Galega de Piraguismo (Fegapi), Alfredo Bea García, asinaron un convenio de colaboración para a promoción deste deporte a través de iniciativas que implican todos os clubes de Lugo.

O acordo ten como obxectivo o desenvolvemento dun programa con diferentes liñas de traballo: actividades de promoción do piraguismo nos centros educativos, asesoramento técnico a clubes e deportistas a través de visitas e concentracións, e a organización de xornadas e cursos de formación para o persoal técnico dos propios clubes. 

As actividades desenvolveranse ao longo do ano coa implicación dos sete clubes da provincia: Clube Fluvial de Lugo, Clube Piraguismo Cidade de Lugo, Clube Kayak de Foz, Clube Piraguismo de Viveiro, Clube Deportivo San Ciprián, Clube Piraguismo Altrúan (Ribadeo) e Clube de Montaña Quixós (Monforte).

O total achegado por parte da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para o desenvolvemento destas actividades é de 96.000 euros, o que representa un incremento en 11.000 euros da cantidade investidas nas últimas anualidades.

Efrén Castro explicou que "o convenio dá soporte económico ao labor que os clubes da nosa área veñen desenvolvendo nos últimos anos na promoción do piragüismo, que a día de hoxe conta con máis de 500 padexeiros e padexeiras federadas nas distintas comarcas". 

O deputado nacionalista incidiu na necesidade de "coordinar esforzos económicos e de xestión para facilitar que o piragüismo siga medrando coa incorporación de novos padexeiros e padexeiras, ofrecéndolles así novas oportunidades de mellora".

A través deste convenio, a área de Deportes tamén pon a disposición dos clubes as instalacións da Escola Provincial de Piraguismo, na contorna dos Robles, en Lugo.

Aberto o prazo para solicitar as bolsas da RFEP

A Fegapi informou de que a Real Federación Española de Piragüismo (RFEP) abriu, até o 26 de xaneiro, o prazo de solicitude das súas bolsas, que estarán baseadas nos resultados obtidos nas escasas probas internacionais disputadas en 2020.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/piraguismo-lucense-recibe-96000-euros-da-deputacion/20210113192439113687.html


© 2021 Nós Diario