mércores 27/01/21

Guerra aberta entre as federacións galega e española de piragüismo

Desde Galiza denuncian "irregularidades" nas eleccións
O presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea (dereita), co técnico Jesús Morlán. (Foto: Fegapi).
O presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea (dereita), co técnico Jesús Morlán. (Foto: Fegapi).

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, o ex deportista olímpico José Alfredo Bea, denunciou que se cometeron ilegalidades "flagrantes" e "graves irregularidades" no proceso electoral para a elección de presidente á Real Federación Española (RFEP).

José Alfredo Bea indicou nun comunicado que "non é certo" que a RFEP elaborase un calendario electoral adaptado á situación actual motivada polos confinamentos e a pandemia da Covid-19, tal e como afirmaron desde Madrid, xa que o calendario se elaborou "antes de coñecerse" tal posibilidade, e apuntou que "non é honesto usar a crise sanitaria como coartada".

"Para constatar o atraso do proceso electoral abonda con comparalo co de 2016. Aquel ano comezou a prepararse o 22 de febreiro e este o 29 de xuño, é dicir, con máis de catro meses de atraso. Non é escusa a pandemia, xa que a obrigación de convocar eleccións era coñecida con anterioridade á crise sanitaria", sinala o presidente da Federación Galega de Piragüismo.

Bea engade que "o 21 de xullo enviouse ao Consello Superior de Deportes (CSD) o Regulamento electoral e o calendario que prevía a convocatoria o 23 de setembro, unha proposta condenada ao fracaso, porque o CSD dispón dun prazo de tres meses para resolver, e mentres non o faga non pode iniciarse o proceso. Así pois, ao enviar o 21 de xullo un calendario que se iniciaría o 23 de setembro, a  RFEP sabía que, con gran probabilidade, non podería cumprirse".

A resposta do CSD co informe do Tribunal Arbitral do Deporte (TAD) chegou á RFEP o 5 de outubro, mais "a pesar de tratarse dun asunto da máxima urxencia, até o día 16 non se informou á Comisión Delegada, órgano encargado de aprobar o calendario". "Perdéronse outros dez días, non se sabe se por desidia ou por dolo. Iso si, á Comisión Delegada esixíuselle pronunciarse nun prazo de tres días que coincidía en fin de semana", lembrou.

O presidente da Federación Galega subliñou que a Orde Ministerial que regula os procesos electorais das federacións deportivas contempla adaptar a normativa para afrontar "situacións excepcionais" se así o solicitan, pero "a RFEP non o fixo, como tampouco pediu que se acurten os prazos que permite a Orde. Así pois, non existe a vontade que se alega de adaptar o proceso á situación actual", destacou José Bea.

"Opacidade" e "falta de transparencia"

O ex padexeiro, cuarto nos Xogos de Sydney 2000 e subcampión do mundo en 2001, acusou os dirixentes da RFEP de actuar "con opacidade" e de "falta de transparencia" para limitar a capacidade de manobra dos membros da Comisión Delegada.

"Ocultaron unha comunicación do CSD formulando obxeccións á proposta; levaron a cabo as reunións por correo electrónico, rexeitando a petición de videoconferencia; e presentaron os acordos xa redactados para que os membros se limitasen a votar si ou non, entre outras cousas", criticou.

Ademais, denunciou que a  RFEP non accedeu a fomentar a participación nas eleccións coa instalación de mesas electorais nas federacións autonómicas, e cualificou como "moi grave" a súa pretensión de levar a cabo os comicios cos censos de 2020 "porque estaría a incorrer nunha flagrante ilegalidade".

Bea laiouse, tamén, de que puxeron en coñecemento do CSD e do TAD estes feitos, pero que non recibiron resposta ningunha.

comentarios