A Deputación de Pontevedra destina 130.000 euros en achegas ao deporte

As beneficiarias foron 83 entidades de 25 concellos.
Goberno da Deputación (Foto: Nós Diario).
photo_camera Goberno da Deputación (Foto: Nós Diario).

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de axudas por valor de 132.235 euros para que poidan impulsar actividades deportivas 83 entidades de 25 concellos diferentes

En concreto son da Estrada, Cambados, Cangas, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Moaña, Mondariz, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Ponteareas, Pontevedra, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa. 

Estas subvencións, en concorrencia competitiva, teñen como finalidade a organización de campionatos, eventos de relevancia deportiva ou iniciativas para dinamizar o deporte, e distribuiranse entre diferentes asociacións que recibirán achegas que oscilarán entre os 4.000 euros de contía máxima e os 500 de mínima. 

Pontevedra e Vigo, as máis beneficiadas

As cidades de Pontevedra e Vigo son as máis beneficiadas desta liña de subvencións, pois recibirán axudas 28 e 16 entidades, respectivamente, entre as que se atopan o Atletismo Rías Baixas, a Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, a Federación Galega de Ciclismo e a Federación Galega de Piragüismo.

Tamén o Clube Balonmán Atlético Guardés, o Clube de Remo de Vigo, a Federación Galega de Vela ou a Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida.

Nigrán será o terceiro concello con máis entidades subvencionadas (con cinco), seguida de Cangas, Marín e Tui, con tres cada un.

Con dúas entidades beneficiadas atópanse os concellos do Grove, Mos, Oia, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, e entre os distintos deportes que reciben axudas están o tenis de mesa, o billar, o bádminton, o atletismo, o fútbol, a ximnasia, o tenis ou distintos deportes náuticos como o remo ou a vela.

Comentarios