As rías galegas volven encherse de kaiaks, canoas e piraguas

Centos de deportistas náuticos regresan ás augas
Carlos Pérez impúxose no Grove a pesar das esixentes condicións climatolóxicas.  (Foto: Fegapi).
photo_camera Carlos Pérez impúxose no Grove a pesar das esixentes condicións climatolóxicas. (Foto: Fegapi).

Máis de 200 deportistas déronse cita no encoro de Pontillón  do Castro, en Verducido (Pontevedra) para a disputa da sexta edición do Trofeo Rías Baixas, que deu comezo á tempada 2020/21 de competicións no piragüismo

Logo dun emotivo minuto de silencio na memoria do recentemente falecido Nacho García -padexeiro internacional galego na modalidade de canoa-, os e as participantes estrearon un percorrido de 12 quilómetros polas augas pontevedresas, sucedéndose con normalidade as distintas saídas nunha xornada moi boa para a práctica do deporte e na que tanto público como participantes tiveron que adaptarse ás distintas medidas estabelecidas nos protocolos de prevención da Covid-19.

No que respecta á clasificación por equipos, saíu vitorioso o conxunto local da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra cun total de 1.140 puntos, máis de 150 por diante do segundo clasificado -Kaiak Tudense- e case 300 sobre o terceiro, Piragüismo Olívico, con 758.

O vencedor na proba masculina de Kaiak senior foi Iván Alonso Laxe, do Piragüismo Olívico. O padexeiro de Tui impúxose ao asturiano Javier López e ao seu compañeiro de equipo, Jaime Sobrado. Polo que respecta á modalidade de canoa, Noel Domínguez -do Breogán- levaba a vitoria por diante de José Luis Bouza -do Kaiak Tudense- e Fernando Busto, de As Torres Romaría Viquinga. 

Pola súa banda, Raquel Rodríguez, padexeira do Portonovo, gañaba en kaiak feminino, mentres que Rocío Pazos, do Río Verdugo, alcanzaba a segunda posición. A canoísta do Cidade de Pontevedra Jenifer Casal conseguía a medalla de ouro na carreira de C1, mentres que Carla Sieiro, do Piragüismo Poio, facíase coa medalla de prata.

Ademais, na categoría Sub-23, Joaquín Iglesias (Piragüismo Verducido) e Carmen Villar (Kaiak Tudense) impuxéronse no kaiak a nomes do calibre de Adrián Prada ou Lúa Cubiella, mentres que en canoa Manuel Fontán (Náutico O Muíño) e Lucía Graña (Cidade de Pontevedra) foron quen conseguiron as medallas de ouro.

Finalmente, en Veteranos, Antonio Polo, do As Pontes, fíxose co triunfo no K1 entre os homes, mentres que nas mulleres gañou María de Palacio, que estivo acompañada no podio por Rut Otero e María San Román.

Perucho conquista a Lanzada Ocean Race

Carlos Pérez 'Perucho' saíu como gran triunfador na VII Lanzada Ocean Race International, que se desenvolveu no medio dunhas condicións climatolóxicas moi esixentes para as participantes, que condicionaron a saída e o percorrido final da proba para garantir a súa seguridade.

O padexeiro do Morrazo resultou gañador na modalidade SS-1 da proba cun tempo de 0:26:36, completando o triunvirato de gañadores na categoría elite Javier López e Francisco  Piqueiras. No que respecta á categoría SS-2, a embarcación vencedora foi a conformada por José Antonio Roel xunto a Juan Vázquez, do Náutico Miño. En  SS1 Veterano a vitoria sería para o zamorano Óscar Vaquero, mentres que en OC-1 triunfou Jesús Pérez, de Piragüismo Aldán. Ademais, na modalidade de padexo a pé o vencedor foi Carlos Besada, do Náutico Portonovo. Polo que respecta á clasificación por equipos o Club Kaiak Vigo fíxose co primeiro posto nesta proba internacional .

Comentarios