Imprimir

Marta Gómez: "Diríalle ás rapazas que non teñan medo, no rugby aprenderán valores e terán unha familia nova"

A. Escuredo | 12 de xaneiro de 2021

Até os 18 anos, Marta Gómez xogou no equipo mixto xunto ao seu irmán e agora está no proxecto do PRC.  (Foto: Nós Diario)
Até os 18 anos, Marta Gómez xogou no equipo mixto xunto ao seu irmán e agora está no proxecto do PRC. (Foto: Nós Diario)
O Pontevedra Rugby Club (PRC) conseguiu impulsar un equipo feminino para participar na División de Honra B estatal. A pasada fin de semana foi o seu primeiro encontro contra o BUC Barcelona que, malia rematar con derrota (0-94), abre unha tempada de ilusión para unha formación que reúne compoñentes de todo o sur do país. Unha das súas xogadoras, Marta Gómez, explícanos esta experiencia e fálanos do seu percorrido como deportista.

Cal foi o seu percorrido neste deporte?

É unha historia un pouco longa. Meus irmáns xogaron toda a vida ao rugby no Pontevedra mais eu ao principio xogaba ao baloncesto. Decidín deixalo e como quería seguir facendo deporte metinme a entrenar con eles. Comecei con 17 anos e até os 18 anos este deporte é mixto, polo que competía no mesmo equipo que meu irmán. Despois, xa non podía xogar con eles e comezou a xurdir a idea de crear o equipo feminino para que as mozas que xogabamos tivésemos un lugar onde continuar no Pontevedra. Despois de moito esforzo saíu esta oportunidade.

Pensou nalgunha ocasión de que chegaría a competir a nivel estatal?

Non, xamais. Notei a diferenza nos adestramentos, nas ganas que hai, no centradas que podemos chegar a estar. Polo que vexo en min e nas miñas compañeiras nótase moita emoción. É unha oportunidade, tanto para aprender como para desenvolvernos como xogadoras.

Que agardan deste proxecto como xogadoras e como club?

Como pasa con todo o que teña a ver coas mulleres nesta sociedade. No deporte estamos moi invisibilizadas e hai moi poucas oportunidades para as mozas que queremos xogar. Tes que buscarte moito a vida para poder competir, sobre todo a nivel amador. É difícil. Nós levamos tres anos tentando crear o equipo en Pontevedra e non hai forma. Non hai promoción por ser un deporte considerado 'de homes', mais con esforzo todo se pode.

A parte económica, a profesionalización, está lonxe?

Aspirar a vivir deste deporte é unha cuestión que está moi lonxe. O rugby en si está moi esquecido, non é como o fútbol ou o baloncesto, que se coñecen moito máis e hai máis posibilidades. Como exemplo, todos os adestradores que temos no club non cobran. A nivel galego coido que non hai na Galiza quen viva deste deporte.

Os medios de comunicación poderíamos facer algo máis para a súa difusión? 

Entrevistas como esta axudan, desde logo. Está claro que o fútbol non é o único deporte que existe no mundo e non só hai interese por determinadas figuras do deporte. É importante visibilizar que outras persoas practicamos deportes diferentes, aínda que sexa pouco a pouco. Interesándose por nós xa é un pequeno paso.  Faría falta, polo menos, informar dos resultados ou facer resumes dos partidos. Mesmo algunha retransmisión. O partido desta fin de semana foi retransmitido por streaming e hai imaxes suficientes como para que a propia TVG se interese, coa importancia que ten que un equipo galego feminino chegue a unha competición estatal. Iso si, a unha hora que poida ter audiencia. 

Como se vive no equipo a pandemia?

Estamos a traballar con tres protocolos á vez: o da Federación galega de rugby, o da Federación española a nivel estatal e nós fixemos un propio para participar na División de honra. Adestramos con máscara e o máis complicado é que non podemos empregar os vestiarios. Nos desprazamentos, temos moito  coidado de non vir varias no mesmo vehículo.  

Que lle diría a unha rapaza para que se anime a practicar rugby? 

Diríalle, de entrada, que non teña medo. O rugby é un deporte que a simple vista asusta moito pola imaxe que dá. Mais vai aprender moitísimo, sobre todo valores, e a pasalo moi ben. Ademais atopará unha familia nova.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/marta-gomez-dirialle-rapazas-non-tenan-medo-rugby-aprenderan-valores-teran-familia-nova/20210112161332113580.html


© 2021 Nós Diario