PALABRAS CON MEMORIA

Malia ser sete como a menorá, soamente un par brillará

photo_camera Xente de moi diversa condición

Varandelas.- Esmorgante, persoa de pouco siso. 

Exemplo: “O seu irmán é un varandelas”.

Lugar de escoita.- Escudeiros – Ramirás (Ourense)

Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.

Xerbanista.- Nos grupos de música tradicional era a persoa encargada de tocar a caixa, o bombo e os pratos. 

Lugar de escoita.- Moraña (Pontevedra).

Fonte.- Marcos Seixo.

Xustiño/a.- Dise da persoa que é escasa convidando ou facendo algún labor.

Lugar de escoita.- A Mariña.

Fonte.- Isidro Novo.

Zambanudo/a.- Persoa afouta, baril, atrevida, activa, con xenio.

Lugar de escoita.- Bisbarra de Navia.

Fonte.- Endl de Navia.

Zambro.- (Ademais de significados xa rexistrados) Persoa de pouca destreza e habilidade.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Zarrapastrán.- Persoa vaga, deixada, que lle dá igual todo.

Lugar de escoita.- Illa de Arousa (Pontevedra).

Fonte.- Claudia Herron Mulet.

Outros apuntamentos.- O apañador de palabras supón que poida ser a fusión de zarrapastroso e pastrán.  

Zocho.- (Ademais de significados xa rexistrados) Dise da persoa ignorante e desvergonzada.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

Comentarios