Familia real, Goberno estatal e militares celebran o imperialismo español no 12-O

Pedro Sánchez, Pablo Iglesias e o rei Felipe VI presiden o evento militar do 12 de outubro nun Madrid en estado de alarma.
O rei Felipe VI de Borbón, onte no Palacio Real, presidiu o acto polo 12 de outubro xunto ao Goberno español (Imaxe: Pool / Europa Press)
photo_camera O rei Felipe VI de Borbón presidiu o acto polo 12 de outubro xunto ao Goberno español (Imaxe: Pool / Europa Press)

528 anos de resistencia indíxena conmemoraron este 12 de outubro diversos Estados e movementos sociais de América do Sur, con motivo da chegada de Colón ao continente en1492, á que lle sucederon conquistas sanguentas e séculos de escravitude, xenocidio, dominación e espoliación de recursos. 

Nesta beira do océano, no Estado español, o anteriormente coñecido como 'Día da Raza' ou 'da Hispanidade' celébrase na actualidade como a 'Festa Nacional de España'. 

"Rexeitemos celebrar o xenocidio" pedía esta segunda feira a Federación SOS Racismo, que sitúa 1492 como "a orixe da construción das estruturas raciais, coloniais, xenocidas e de espolio que perduren hoxe no racismo do Estado e no seu sistema económico". 

Mais este 12-O chegou en datas de alta tensión política e, a causa da pandemia, optouse por un acto con militares en lugar do tradicional desfile de tanques, lexionarios e paracaidistas -pasouse de 3.000 soldados a 527 neste ano-. O evento militarista decorreu no Pazo de Armas do Palacio Real -en lugar do tradicional paseo da Castellana- dun Madrid fechado por mor do estado de alarma e cun duro confronto entre o Goberno da capital e o PP co Executivo estatal, xa que a dereita se opón ao decreto da alarma sobre a capital. 

O Goberno acompaña o rei

O rei Felipe VI, xunto á raíña Letizia Ortiz e as súas dúas fillas, presidiu o acto do 12-O nun momento en que a monarquía atravesa unha gran crise de credibilidade e diversas tensións co Executivo español. 

Xunto á Familia Real estivo presente o Consello de Ministras e Ministros case ao completo -excepto a titular de Exteriores, que se atopaba nunha reunión de ministros da Unión Europea-. Acudiron tanto pola parte do PSOE como de Unidas Podemos. O líder da formación morada e vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, participou por primeira vez deste acto militarista. 

Quen tamén asistiu foi Carlos Lesmes, o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e do Tribunal Supremo, a quen o xuíz García-Castellón (Audiencia Nacional) pide imputar Iglesias polo caso 'Dina' no cerco da xudicatura conservadora contra Podemos e en medio do bloqueo que o PP mantén para impedir a renovación do Poder Xudicial, xa que perdería a súa actual maioría no CXPX. 
Un ano máis, quen si plantaron o Goberno español, o rei e o desfile militarista foron os Executivos de Euskadi e Catalunya.

Sánchez felicita a 'festa nacional' e Robles enxalza o rei

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, pediu no 12-O que se recorde unha España "solidaria, aberta e plural" que progresa "sen deixar ninguén atrás", polo que reivindicou a necesidade de "avanzar unidos polo ben común". Así o sinalou Sánchez na súa conta de Twitter, onde desexou unha feliz "Festa Nacional", a pesar de ser un día "diferente" debido á pandemia do coronavirus. "Avancemos unidos polo ben común, con ilusión para gañar o noso futuro", sentenciou.

Xunto ao presidente, nos actos militares de estivo a ministra de Defensa, Margarita Robles, que con motivo da celebración, defendeu nunha entrevista a figura da monarquía e o labor de Felipe VI, tras as críticas das últimas semanas, e sinalou que "un país respectábel" non pode "cuestionar as institucións".

Protestas ultradereitistas

A pesar das restricións e da gravidade da situación epidemiolóxica en Madrid, milleiros de persoas achegáronse ás inmediacións do Palacio Real para berrar consignas contra o Goberno e para aclamar Felipe VI e a monarquía. 

Ademais, non fallaron Vox e o unionismo español, sacando coches ás rúas en forma de manifestacións, querendo botar un pulso en prol do monarca e fronte os nacionalismos, fracasando nun dos seus actos centrais, o da cidade de Barcelona, onde realizaron unha ofrenda floral aos pés da estatua de Colón á que non acudiron nin 300 persoas. No acto houbo cánticos, himnos e bandeiras franquistas. 

Comentarios