Iglesias acusa o PP de querer "reescribir" o caso Villarejo

O vicepresidente segundo do Goberno do Estado español está convencido de que as acusacións non sairán adiante. No entanto, o PP xa anunciou que preguntará pola súa destitución na sesión de control ao Executivo prevista para a semana próxima. De momento, Sánchez confirmou que Iglesias ten a súa "confianza".
EuropaPress_3348177_presidente_gobierno_pedro_sanchez_interviene_nueva_sesion_control_gobierno-1
photo_camera Sánchez e Iglesias nunha sesión no Congreso. (Foto: Europa Press)

O vicepresidente segundo do Goberno español e líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, considera que o PP, que pediu a súa dimisión após o xuíz García Castellón (Audiencia Nacional) solicitar ao Supremo que o investigue no caso Dina, é consciente de que as acusacións contra el quedarán en nada e achacou os ataques dos populares a que saben que non van gobernar "en moitísimos anos".

“A foto de Colón vailles ter a vostedes confinados moitísimos anos e, a nivel estatal, se non se ilegalizan formacións políticas, é inviábel que regresen ao Consello de Ministros”, espetou o protagonista da última polémica política.

Así mesmo, asegurou que a Xustiza estará da súa parte e os populares terán que calar até que se coñeza o seguinte “escándalo”, do que está convencido.

A pesar destas aseveracións, o líder do Partido Popular, Pablo Casado, anunciou que preguntará a Pedro Sánchez se ten previsto destituír a Iglesias do Goberno do Estado español. Farao durante a sesión de control ao Executivo programada para a próxima cuarta feira.

Interrogantes e confianza

O popular xa comentou esta quinta feira que a interrogación concreta (Vai cesar ao seu vicepresidente do Goberno?) xa quedou rexistrada hoxe. Para Casado, se o vicepresidente non sae do equipo Sánchez e o PSOE estarán a ser “cómplices dos presuntos delitos” que tivera cometido.

Ciudadanos tamén falou deste asunto hoxe e mesmo VOX estuda se levará ao pleno a cuestión. En todo caso, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, amosou a súa total confianza en Iglesias. Non quixo entrar a debater sobre os “procedementos xudiciais abertos”. Porén, aseverou: “No político, podo garantir e asegurar que o vicepresidente segundo ten toda a miña confianza e todo o meu apoio”.

Nunha xornada moi activa en canto a novidades arredor de Iglesias, o maxistrado que solicita a investigación contra el, Manuel García Castellón, denunciou ter sufrido ameazas após comunicar a súa decisión.

O xuíz solicitou antonte ao Supremo a imputación de Iglesias na peza Dina, sobre o roubo do móbil a unha ex asesora do líder de Unidas Podemos nun caso de espionaxe política relacionado co ex comisario Villarejo. En Unidas Podemos non dan crédito ao querer investigar a vítima, Pablo Iglesias. Pero García Castellón xa acudiu a pór en coñecemento da Policía estas “ameazas de morte” recibidas, supostamente, a través das redes sociais.

Comentarios