Cultura

Como aprender baile e música tradicional durante a corentena

Hai pouco máis dunha semana, distintos colectivos celebraban que a Xunta fixese caso das alegacións presentadas ao texto para a declaración como Ben de Interese Cultural do baile e a música tradicionais. Seguindo o seu exemplo, e para festexarmos tamén a boa nova, queremos cartografar as diferentes opcións para aprender estas dúas manifestacións da nosa cultura sen necesidade de saír da casa. En tempos de cultura dixital, videotutoriais non faltan.
Tutorial de Ardelloeixo
photo_camera Tutorial de Ardelloeixo

Entre as múltiples cousas que podemos sacar da reclusión, existe a opción de saír da corentena listas para unirnos a calquera foliada. E é que non fai falla abandonar as paredes do fogar para aprender, abonda con achegarse  á pantalla do computador para procurarmos no Youtube o tutorial idóneo.

Porén, Nós Diario pretende aforrarlle ás lectoras o arduo paso da pescuda, para que poidan pasar directamente á aprendizaxe. Velaquí unha cartografía dos principais recursos para aprender baile e música tradicionais online, quer para quen non ten nin idea quer para perfeccionar puntos ou toques ás que xa saben un chisco.

Primeiros pasos

Coa chegada do confinamento, a Antonio Prado faltoulle tempo para ofrecer aulas de balde e a distancia na súa canle de YouTube, baixo o título "Corentena con baile tradicional". Para alén de percutir en Aliboria, é mestre neste eido, e coa actividade totalmente paralizada nestas semanas quixo achegar o seu gran de area para que a xente "tivese algo co que entreterse".

"Estou moi sorprendido coa cantidade de persoas que desde distintos sitios o están seguindo", afirma Prado, mesmo preguntándolle dúbidas. Son aulas de iniciación, especialmente destinadas a aquelas "que non teñen ningún coñecemento". Así, mesmo sen sabermos nada do tema, é posíbel saír bailando do confinamento.

"Estou moi sorprendido coa cantidade de persoas que desde distintos sitios o están seguindo", afirma Prado, mesmo preguntándolle dúbidas

Máis alá destas achegas actuais, mergullándonos na rede podemos acceder a recursos máis antigos, tamén para principiantes. Algúns dos máis populares son os ofrecidos polo colectivo Ardelloeixo, do que Prado fixo parte, aínda que, como nos conta, arestora está desactivado. Con todo, a plataforma serviu en boa medida como promotora da recuperación do baile tradicional espontáneo na zona da Coruña, “un éxito rotundo” que se dá ademais "sen un fondo de escenario".

Dentro deste labor, deixaron na súa canle de Youtube unha serie de vídeos nos que se internan nos distintos paus: Aroa Carballo ensina pasodobre, Olga Kirk e Pablo Díaz danlle unha volta ao valse ou á xota, Micaela Areas partilla os inicios na muiñeira, Xurxo Fernandes ofrece unha aula de maneo...

Outra das persoas vencelladas a este grupo, Xurxo Fernandes, tamén ofrece desde a súa canle privada algunhas aulas de iniciación á pandeireta, explicando desde como se agarra o instrumento e os movementos máis básicos até ritmos de muiñeira ou xota, nivel elementar.

Doutra banda, "Gaita e Percusión de Galicia" foca a atención no ensino da música. Sergio López Santos ofrece, por exemplo, tutoriais para aprender a técnica da pandeireta galega, que, a diferenza doutras, agárrase coa man dominante e móvese facendo que golpee sobre a contraria. Ademais, López comparte consellos de mantemento ou mesmo aulas breves de notación musical.

Un punto ao día

Unha das caras máis coñecidas do ensino telemático é Luis Prego, cuxa iniciativa máis salientábel foi a canle "Un punto ao día con Luis Prego". O desafío durou un ano, cos seus 366 puntos para os calendarios bisestos, partillando os resultados das súas recollidas.

A idea xurdiu a raíz da súa experiencia docente, nas aulas que imparte en Lourido (Salvaterra de Miño). "Eu dáballe clase a unha familia", conta, "e cando unha das fillas marchou estudar a Compostela, a nai mandáballe os puntos gravados. Pensei que iso se podía facer a nivel global". Ao mesmo tempo, deixouse inspirar polo traballo de Isidro Vidal, quen asumiu o reto de crear "unha composición de gaita ao día", refire. "Se el podía, non ía ser eu capaz?", brinca. E vaia se era certo.

Prego localiza todos os movementos segundo a zona na que foron recollidos, o tipo de baile e o nivel, dando unha escolma ben ampla para todo o que queira ensanchar coñecementos de cara ás foliadas. Neste mesmo senso, cómpre citar as aulas de Artur Pastoriza Puga a través da súa conta persoal de Facebook, orientadas a todos os niveis.

Perfeccionamento

Para alén do máis, durante os días de corentena, Prego está a partillar no Facebook videotutoriais de percusión tradicional. Estas achegas están baseadas nun grupo desta mesma rede que xestiona, "Baile e música de Galiza", no que se atopan accesíbeis os brutos de máis de 300 recollidas. Mergullarnos neste recurso tamén pode facer medrar o repertorio.

Porén, como nos conta Prego, a xente adoita preferir o fragmento do vídeo exacto. Ademais, o audiovisual ten as súas limitacións. "Hai moitos detalles que pasan desapercibidos", explica, "cousas que notas cando estás diante da xente maior, aprendendo, que non quedan reflectidas".

Un toque no que aumenta o volume, un movemento determinado da man que non se ve no rexistro, testemuños que só fican na memoria. Esas sons as particularidades que ocupan os seus últimos vídeos, para que "a xente que xa controla un pouco tamén se entreteña".

"Hai moitos detalles que pasan desapercibidos", explica Prego, "cousas que notas cando estás diante da xente maior, aprendendo, que non quedan reflectidas"

Por petición popular, hai pouco máis dun mes Xabier Díaz tamén se sumou á onda e comezou a subir tutoriais de como tocar algunhas das súas pezas máis coñecidas. Outra boa opción para incorporar máis pezas de pandeireta á lista, iso si, para alumnas avanzadas.

Como declaraba Díaz na recente entrevista publicada no noso semanario Sermos Galiza, o que isto demostra é "o magma tan inmenso de xente que toca a pandeireta" que hai agochado nese "país do vento" d'As catedrais silenciadas.

Para quen non teña o corpo para bailar ou tocar, mais sinta interese por comprender o fenómeno do baile e a música tradicional, o audiovisual estase tamén a converter nunha maneira moi dinámica de trasladar coñecementos no eido.

Un dos achegamentos máis completos veu da man de Punto e Volta, un proxecto que recolle en múltiples entrevistas diversas perspectivas contemporáneas que se aglutinan arredor do noso baile e música -desde a perspectiva de xénero até a pertinencia de incluír as cantigas en castelán como parte do noso acervo musical-, así como algunhas pezas que poden servir de inspiración.

Parte das súas creadoras están implicadas noutro proxecto do que onte dabamos conta neste xornal, Dorothé na vila, un documental que porá face ás informantes do Cancioneiro Popular Galego.

O proxecto Pesquedellas, pola súa banda, procura interesar á xente nova no tradicional a través dun documental e a inclusión de múltiples contidos paralelos na rede.

Dar o salto ao torreiro

Con todo, o máis importante é que non quede aí. "Trátase de ter as primeiras nocións para animarse a ir a unha foliada ou a aulas", insiste Prado. Porque o sentido verdadeiro de baile e música está na festa comunal. E mentres non chega o momento para compartir espazo no torreiro real, podemos optar polo encontro telemático.

Após o éxito da "Foliada na Cozinha", un evento de Facebook no que as persoas interaccionaban compartindo puntos e cancións, o profesorado da Gentalha do Pichel -que, por certo, como outros proxectos mantén o ensino de maneira virtual- traslada a iniciativa ao "Salom", este domingo a modo de sesión vermú.

"O baile sempre foi unha ferramenta de comunicación e de cohesión social", explica Carme Campo

A boa acollida reside "na necesidade que ten a xente de ser parte dunha comunidade", entende Carme Campo, mestra na asociación. "O baile sempre foi unha ferramenta de comunicación e de cohesión social", explica, e do mesmo modo funciona no torreiro virtual, en especial grazas á súa dimensión lúdica "que nesta época de reclusión tamén é precisas". Así pois, o convite está feito. E non saber xa non serve de escusa.

Comentarios