Cultura

A Xunta atende as alegacións: por un baile con música, de hoxe e feminista

En 2018, as asociacións do colectivo XOC conseguían que a Xunta puxese en marcha o proceso para declarar o baile galego como Ben de Interese Cultural. Porén, a redacción do texto non contentaba a todo o universo tradicional. Vén de publicarse do DOG unha resolución que promete unha nova proposta que escoite as alegacións apresentadas.
Obradoio de baile tradicional
de Ardelloeixo na Coruña.
photo_camera Obradoio de baile tradicional de Ardelloeixo na Coruña.

En 2018, as asociacións culturais do denominado colectivo XOC —Xacarandaina (A Coruña), Cántigas e Agarimos (Compostela) e O Fiadeiro (Vigo)— reivindicaban a declaración do baile tradicional galego como Ben de Interese Cultural (BIC), paso que se deu coa vista posta en presentar a candidatura ante a Unesco para convertelo tamén en Patrimonio Inmaterial da Humanidade, segundo confirma o profesor e investigador Henrique Peón, implicado nesta andaina desde o comezo.

O 16 de marzo dese mesmo ano, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolvía incoar o expediente para a declaración do baile como BIC, cunha proposta que ía espertar polémica. Dous anos máis tarde, vén de publicarse no Diario Oficial da Galiza unha resolución na que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural deixa sen efecto a previa incoación, coa promesa de iniciar un novo trámite cunha redacción que integre as alegacións feitas ao texto.

Esta é unha nova que acolle con satisfacción Rebeca Ces. Ela foi unha das principais promotoras, xunto a Ana García Lenza, dunhas alegacións ás que se sumaron "múltiples colectivos relacionados coa antropoloxía e o patrimonio etnolóxico, e tamén co propio baile tradicional", segundo describe a resolución, cun texto case idéntico.

Foron por volta de 50, unha cifra importante neste tipo de procesos que mostra o nivel de implicación da comunidade, que entende este mecanismo administrativo como unha ferramenta útil que debe estar ao seu dispor. 

"Queriamos que o que somos quedase ben reflectido nos nosos textos legais", xustifica Ces

Dado que todos presentan argumentos que "inciden en aspectos que deben ser valorados", a Xunta tomou a decisión de revisar e completar a descrición da actividade e das comunidades que a manteñen, co recoñecemento de que resulta "evidente" que o reflectido no texto "non é representativo do conxunto dos seus valores". Foi xusto isto o que motivou o recurso. "Queriamos que o que somos quedase ben reflectido nos nosos textos legais", xustifica Ces. 

As eivas do texto

O enunciado tiña, en opinión de Ces e García, tres eivas fundamentais: a disociación da música, a perspectiva de xénero e a formulación en pasado. Porén, todas "parten do mesmo sitio": que o proceso non fose coral e participativo, representando a diversidade do mundo do baile tradicional. Con todo, Ces reitera o seu agradecemento ás asociacións que iniciaron o proceso: "Sen elas non estariamos ante isto, intentando mellorar".

Segundo a última proposta, o novo trámite ampliará a "descrición do baile tradicional á música", corrixindo a separación dun tándem indivisíbel que non pode entenderse por separado. A administración "pensou que era mellor facelo así", pero ante a "gran cantidade de achegas que houbo na mesma dirección, contemplouse a pertinencia de tramitalo en conxunto", explica Peón, que considera a última resolución como unha "marabillosa noticia".

Aínda que non se fai referencia á cuestión de xénero, "esperamos e cremos que se vai ter en conta", declara Ces

Doutra banda, aínda que non se fai referencia á cuestión de xénero, "esperamos e cremos que se vai ter en conta", declara Ces. Así desaparecerían fórmulas como a descrición de "filas de homes e de mulleres" ou que "só eles saquen punto", que non responden á propia idiosincrasia do baile. "Antes todo o facían os homes", argumenta, polo que esas ideas reflicten o contexto e, en opinión de Ces, "non se deberían perpetuar", pois o baile debe entenderse desde a súa manifestación actual.

O baile, materia viva

Unha das chaves para a declaración dun elemento como BIC é precisamente que este debe comprenderse en presente. A proposta incoada, porén, describe o baile "sempre en pasado", cando a propia definición exixe "que exista a día de hoxe", explica Ces, algo que en efecto acontece, fronte á tendencia á desaparición desta manifestación da tradición noutros lugares. A proposta céntrase na representación sobre o escenario.

Esta dimensión "non debe ser excluínte", pois o do baile tradicional é "un universo moi rico no que caben moitas manifestacións", entre as que "a recreación como baile lírico e libre" non pode atoparse excluída fronte á vertente máis artística. Neste senso, Ces entende que a tradición folclórica xogou un papel moi importante na preservación, pero a dimensión do fenómeno é máis ampla. 

"A recreación como baile lírico e libre" non pode atoparse excluída fronte á vertente máis artística, entende Ces

A comunidade portadora "somos todas"

Ces remítenos ao título cinco da Lei de Patrimonio Cultural, referida ao Inmaterial —por certo, referente a nivel estatal—, que fai especial fincapé na comunidade portadora como protagonista das medidas de salvagarda. E esta, no caso do baile e a música tradicional, "somos todas". A resolución de 2018 contempla a creación dun "órgano xestor", composto por asociacións folclóricas e xente do espectáculo, na que Ces bota en falta integrantes doutros dos múltiples universos que condensen o tradicional, desde as informantes até técnicas de patrimonio ou antropólogas. Con todo, admite que "cando a comunidade portadora é tan ampla, é complicado". Mais, en todo caso, a escolma apresentada "non era representativa da realidade do baile tradicional".

Unha definición inclusiva

Peón entende que o recoñecemento do baile como BIC pon en valor algo ao que, se cadra por común, non se lle outorga a transcendencia merecida: "Como os carballos no monte, o problema é cando non están". Son pasos "interesantes e importantes", que "ía sendo hora de dar" para que un "patrimonio tan relevante se protexa".

O único malo é "que vai tardar outro tanto en chegar", comenta Peón

O único malo é "que vai tardar outro tanto en chegar", comenta Peón. Só desde unha definición plural se pode recoller algo como o patrimonio inmaterial, en última instancia, "unha ferramenta de cohesión social", di Ces, arredor da que se convocan amizades e afectos. Comunidade, nese nós irrenunciábel da identidade e da tradición que constrúe o presente. 

Proceso participativo e tutelado por expertas

Rebeca Ces observa o que vai vir coa esperanza dun proceso participativo no que estean todas as sensibilidades e roles que compoñen a comunidade da música e o baile tradicionais. Para alén do protagonismo das portadoras, considera indispensábel que, quer na definición quer na salvagarda, exista un acompañamento por parte de persoas expertas. Neste senso, fai referencia, como caso paradigmático, ao proceso que se seguiu para a declaración da Jota Navarra.

A universidade foi a que levou o liderado do proceso, orquestrando dividir o territorio en tres bloques, dentro de cada un dos cales se realizou un foro no que participaron representantes de asociacións, antropólogas... Todo isto seguindo un método de traballo e un proceso participativo deseñado pola propia universidade. Algo que tamén bota Ces en falta no caso galego, que se caracteriza pola ausencia de estudos no eido do Patrimonio Inmaterial.

Seguindo esta idea, na redacción das alegacións estiveron moi presentes Cristina Sánchez-Carretero e Paula Ballestero, ambas integrantes do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC e da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural (Agantro).

O expediente para a declaración do baile e a música tradicionais como BIC non deberá ser necesariamente moi longo, pero si inclusivo coas múltiples perspectivas que integran o universo. Telas a todas en conta para recoller o que, en último termo, nos representa e nos atinxe a todas.  

Comentarios