Cada vez menos galego no Sergas

A Mesa denuncia que se está a excluír a lingua galega de xeito sistemático no traballo diario. O último exemplo denunciado pola entidade, é a exclusión do galego na realización dunhas enquisas da Área de Xestión Integrada de Compostela.

sergas

A Mesa pola Normalización denuncia un novo caso de exclusión da lingua galega no Sergas, neste caso, na realización dunhas enquisas da Área de Xestión Integrada de Santiago de Compostela. A entidade afirma que desde dita área remitiron un correo no que se lle pedía ao persoal sanitario e non sanitario que realizase unha enquisa sobre a seguridade do paciente. “Nesta enquisa excluíuse a lingua galega e só se podía realizar en castelán”.

Para a Mesa estamos perante “un novo caso de incumprimento da lexislación vixente, como é a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística”. No artigo 2 disponse que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma. Do mesmo xeito, prosegue a entidade, incumpre os preceptos dispostos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no que se recollen medidas a desenvolver para normalizar o idioma no ámbito da administración sanitaria.

Marcos Maceira, presidente da MNL, explicou que só neste ano 2017, a entidade  –a través da Liña do Galego- xa tramitou máis de 25 queixas e denuncias contra o Sergas por vulneración de dereitos lingüísticos e exclusión do idioma propio de Galiza. 

Comentarios