Alcoa accede a ampliar as consultas do ERE até o 28 de setembro mentres negocia a venda

Suspende os despedimentos e mantén as cubas en funcionamento, mentres o comité espera que se chegue a un acordo para "moitos anos"

comité alcoa arxina
photo_camera comité alcoa arxina

Alcoa accedeu esta quinta feira a ampliar as consultas do ERE até o 28 de setembro, de forma que se abre un período de seis semanas no que a multinacional negociará unha venda a Liberty House.

De tal forma, Alcoa e comité aceptaron nunha reunión con mediación en Santiago de Compostela a proposta lanzada por Goberno estatal e Xunta co fin de buscar unha saída á fábrica mentres se suspenden os despedimentos e se mantén o funcionamento das cubas.

Á saída do encontro, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, quixo "agradecer" o papel do Goberno estatal e a Xunta para desbloquear a situación, despois de que a semana pasada terminase sen acordo o período formal de consultas. "Botáronnos unha man e apoiáronnos en todo momento, e hai que seguir así", remarca.

Con todo, Zan avisa de que hai que "ter en conta que con isto non se pechou nada". Agora, espera que se chegue ao día 27 de setembro cun "acordo e ter viabilidade durante moitos anos", "seguir traballando moitos anos pola Mariña".

"Ábrese un período de seis semanas, que esperamos que sexa frutífero para unha venda e que sigamos durante moitos anos funcionando coas electrolisis e as cubas ata que nos podamos xubilar na fábrica", afirma.

O plan proposto por Goberno e Xunta, supón estender seis semanas as negociacións do despedimento colectivo para 534 traballadores e que a multinacional estadounidense inicie nese período un proceso de venda a Alliance GFG --grupo do que forma parte Liberty House--, durante o que deberá manter a actividade na planta de San Cibrao.

Ademais, Alcoa comprométese a informar de forma regular ás partes implicadas da evolución das negociacións, algo que se canalizaría a través dunha mesa industrial con representación do Goberno central, a Xunta, os sindicatos e o comité de empresa.

Comentarios