“É una barbaridade o que nos fan”: Traballadores de Alcoa levan as protestas á porta do Parlamento

Piden a implicación das Administracións para intervir a factoría e cargan con dureza contra a multinacional.

alcoa

Máis dun cento de traballadores e traballadoras de Alcoa concentráronse ás portas do parlamento da Galiza no día en que principiaba a X lexislatura. Indignados polo comportamento da multinacional e o que consideran falta de compromiso de Xunta e Estado volveron reclamar una intervención das administracións.

Mostra do estado de ánimos do persoal das factorías de San Cibrao e os aplausos e algúns berros de “presidenta” dirixidos á portavoz do BNG, Ana Pontón, fronte aos apupos e asubíos aos representantes de PSOE e PP. Cando se achegou Gonzalo Caballero, portavoz do PSdeG, os berros foron de "Pedrito échale huevos". 

“Que os partidos fagan o que se comprometeron facer en campaña electoral”, exixíu José Antonio Zan, presidente do comité de empresa en declaracións aos medios. “Vimos a pedir aos candidatos que amañen isto”, insistiu, mentres ducias de traballadores continuaban coreando lemas e consignas: “A solución , unha intervención”, “Madrid, escoita, A Mariña está en loita” ou “Onde está o estatuto? [electrointensivo]”.

“O que nos están a facer é unha barbaridade”, denunciou Zan, que advertiu que non ían asinar nada que pasase polo peche das cubas. Criticou con dureza a actitude de Alcoa nestes meses e especialmente nestes días, nos que deu plante a administracións e comité.

“A planta de San Cibrao foi da Sepi, que volva selo, aínda que sexa só un segundo para poder vendela a empresas interesadas”, reclamou, indicando que o que procura a multinacional estadounidense é botar “mil persoas á rúa e devolver A Mariña 50 anos atrás”.

Entre os apoios recibidos polos traballadores está a da vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, que sinalou que “os últimos acontecementos, coa actitude de Alcoa nas negociacións do ERE, demostran que a única solución para que as cubas non paren é intervir a empresa”.

Comentarios