Agónica vitoria do Celta para fechar o ano

O Celta sumou outros tres puntos en Balaídos logo de derrotar o Huesca (2-1) nun partido que parecía cómodo para os vigueses, mais no segundo tempo levantaron o pé, dando descanso a homes chave como Aspas e Tapia, o que aproveitaron os oscenses, que a piques estiveron de dar a volta ao último partido de 2020.
Iago Aspas sumou outro gol e outra asistencia na súa conta particular. (Foto: La Liga).
photo_camera Iago Aspas sumou outro gol e outra asistencia na súa conta particular. (Foto: La Liga).

O Celta do Chacho Coudet volveu á senda da vitoria no derradeiro partido do ano ante o Huesca (2-1, goles de Nolito e Aspas para os galegos), e encara 2021 con optimismo a tan só tres puntos dos postos de Champions. 

Este agónico triunfo ante os oscenses foi especial por coincidir no tempo co 92 aniversario da inauguración de Balaídos. Aquel afastado 30 de decembro de 1928, o Celta derrotaba o Real Unión de Irún por 7-0 para éxtase de todas as persoas alí presentes. Esa imaxe dunhas bancadas cheas de vida contrasta coa situación actual de bancadas baleiras, algo que a directiva do Celta agarda que remate "en xaneiro".

Asemblea albivermella

O Clube Deportivo Lugo volverá competir a vindeira semana, se o gromo detectado entre o cadro de xogadores do Sporting de Xixón non o impide. Aproveitando este oco no calendario o conxunto albivermello levou a cabo a súa Asemblea Xeral, na que o presidente Tino Saqués informou dunhas perdas de 17.075 euros, que non foron óbice para que se aprobasen por unanimidade todos os puntos incluídos na orde do día.

O Dépor, protagonista dunha triste distinción

Tampouco competiu esta semana o Real Club Deportivo, que non volverá pisar un terreo de xogo até o seu compromiso copeiro co Alavés no día de Reis.

Non obstante, o conxunto branquiazul é noticia pola súa inclusión nos premios anuais da revista británica FourFourTwo, considerada a publicación especializada máis importante do mundo, como gañador na categoría de 'Caída/Afundimento do ano' polo seu inesperado descenso á Segunda  División B.

Tan só un ano despois de recoñecer o Dépor das tempadas 1999-2002 como un dos 20 equipos de culto máis importantes de todos os tempos, -xunto a escuadras inmortais como o Napoles de Maradona, o Barcelona do 'Dream Team' ou o Cosmos de Pelé-, a FourFourTwo dedica o máis triste dos seus galardóns a repasar o descenso aos infernos  do fútbol semiprofesional.

Esta reportaxe coincide no tempo coa sentencia absolutoria de todas as persoas acusadas polo apaño do partido entre Levante e Real Zaragoza en 2011, fundamental para que o Deportivo acabase baixando á categoría de prata por vez primeira en 20 anos. 

Comentarios