domingo 17/01/21

O Celta raña un punto nunha dura visita ao campo do Getafe de Bordalás

Non resulta moi complicado prever como será un partido ante o Getafe de Bordalás: arduo, duro e difícil. A visita do Celta ao Alfonso Pérez no seu penúltimo compromiso ligueiro de 2020 non foi unha excepción, e nun encontro no que Coudet non foi quen de impor a súa concepción do xogo o Celta volve á casa cun punto con sabor doce.
O capitán Hugo Mallo secou o habilidoso internacional Marc Cucurella. (Foto: Getafe CF).
O capitán Hugo Mallo secou o habilidoso internacional Marc Cucurella. (Foto: Getafe CF).

O Coliseo Alfonso Pérez non terá a sona dun Mestalla, un Sánchez Pizjuán ou un San Mamés, pero leva -coincidindo coa chegada de José Bordalás a Getafe- sendo un dos campos máis difíciles da Primeira División.

Agora tamén o sabe un novato na Liga como é o Chacho Coudet, que xa pode dar testemuña en primeira persoa logo de lograr un sufrido empate (1-1, e grazas) na casa do conxunto do sur de Madrid

Formou o técnico bonaerense con Rubén Blanco na portaría; Hugo Mallo, Murillo, Araújo e Olaza na defensa; Renato Tapia, Denis Suárez, Brais Méndez e Miguel Baeza no medio do campo; e Nolito xunto con Iago Aspas na punta do ataque. Xa que logo, a pesar da acumulación de partidos neste último mes, Coudet seguiu confiando no bloque de xogadores que reverteu a situación na que estaba o Celta no momento da súa chegada, sendo a única novidade con respecto ao anterior encontro ligueiro a introdución de Baeza en lugar Fran Beltrán.

Un troco ofensivo co obxectivo de tratar de desmontar o férreo engrenaxe defensivo armado por Bordalás que, non obstante, non funcionou. A pesar da calidade que atesoura na súa perna esquerda, a achega do antigo discípulo de Raúl González Blanco no Real Madrid Castilla ao xogo celeste foi mínima nun encontro no que, como adoita acontecer sempre que está implicado o Getafe, o fútbol como espectáculo brillou pola súa ausencia.

Non obstante, se ben os madrileños non practican un xogo preciosista, resulta innegábel que son un dos equipos máis sólidos da Primeira División e ante os que resulta máis difícil formular un partido, especialmente se conseguen adiantarse no marcador, como pode dar dar fe o Celta logo de que no minuto seis Damián Suárez lanzase un auténtico furolo desde a esquina dereita da área viguesa ante o que nada puido facer o meta Rubén Blanco.

Co Getafe na súa salsa pintaba mal a cousa para os intereses do conxunto galego. Afortunadamente, o autor do gol azulón, Damián Suárez, pasou en dez minutos de heroe a vilán dos seus após provocar un claro penalti sobre Lucas Olaza que Iago Aspas -quen se non- anotou de modo maxistral tras colocar a pelota no pau esquerdo da portaría defendida por un Rubén Yáñez que nada puido facer. 

O de Moaña, con oito tantos, xa é o máximo goleador da competición. Ademais, con este gol o dianteiro galego leva nin máis nin menos que oito partidos de Liga seguidos anotando ou asistindo para o Celta, cifra que aumenta a 13 nos 15 encontros disputados até o de agora. 

Sempre a pola vitoria

Baixo a dirección de Chacho Coudet hai unha cousa que sempre é segura: o equipo vai xogar a gañar. Por iso, e visto que logo do empate celeste o choque seatascou totalmente no medio do campo, optou por tratar de desequilibralo dando entrada a Emre Mor no 63 en lugar dun desafortunado Miguel Baeza. 

Destacabamos na previa deste encontro en Nós Diario tanto as habilidades do estremo turco -que hai só unha semana, na Copa, anotaba un dos mellores goles da súa carreira- como o bo rendemento que del pode sacar un motivador nato como é Eduardo Coudet, que na súa etapa como xogador deu mostras dun carácter non moi diferente ao do díscolo pero xenial turco.

Por desgraza para os intereses do Celta, Emre non foi quen de ser un factor diferencial, e co paso dos minutos o Getafe foi gañando terreo e pisando a área galega con cada vez máis perigo, especialmente logo de dous groseiros erros defensivos de Denis e Murillo que, afortunadamente, non acabaron en gol. Ante este escenario, o Chacho Coudet decidiu dar por bo o empate e tratar de amarralo co troco de Nolito por Okay Yokuslu no minuto 81. 

Os últimos intres do encontro foron de gran tensión para as seareiras celestes, pois o Getafe  continuou o asedio sobre a meta de Rubén até o mesmo momento en que o árbitro asubiou o final do partido, que foi recibido cun grande alivio, como recoñeceu o Chacho no pos partido.

comentarios