Convocan as traballadoras de normalización

47 proxectos de fomento do galego optan aos premios Mil Primaveras

Os premios Mil Primaveras, convocados pola Coordinadora de Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL), recoñecen “proxectos de posta en valor e fomento do galego”. Á edición deste ano optan 47 iniciativas diferentes.
 

thumbnail_PremiosMilPrimaveras

Servizos de normalización lingüística, equipos de dinamización da lingua, asociacións e entidades privadas son os propoñentes. A maioría, sinala a CTNL, dirixidas á infancia e á mocidade. “Entre os proxectos presentados hai tanto accións nacidas nos últimos tres anos como iniciativas cunha traxectoria consolidada no tempo”, explica.

Dezanove dos proxectos foron remitidos por servizos de normalización, 18 por equipos de normalización e dez por outras entidades. Poderán recibir algunha das seis distincións dos premios Mil Primaveras: ao mellor proxecto estabilizado, ao mellor proxecto novo, á mellor comunicación e impacto, ao máis innovador, ao mellor proxecto na infancia e mocidade e ao mellor nun ámbito sectorial.

Sen dotación económica e coa colaboración da Deputación de Pontevedra, os premios Mil Primaveras buscan “recoñecer o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos”.

Comentarios