venres 14/08/20

Un Día da Clase Traballadora histórico

A COVID-19 está a mudalo todo. Tamén datas sinaladas como 1 de maio e a súa tradición reivindicativa na rúa. Na Galiza, as demandas sindicais chegaron a través de internet polas redes sociais e as vivendas substituíron as manifestacións. Aínda así a mensaxe enviada foi clara na liña de defender os dereitos laborais. 
O Día 1 de maio nun balcón galego
O Día 1 de maio nun balcón galego

Este foi un 1 de maio atípico. O primeiro Día Internacional da Clase Traballadora virtual da historia. Galiza amencía con choivas e mal tempo por todo o país, unha situación que noutras ocasións sería tema de debate ao relacionar número de asistentes ás manifestacións coas circunstancias meteorolóxicas. Este ano non. O estado de alarma e a prevención imposta polas medidas de confinamento decretadas desde o Goberno español fixeron trasladar ás redes sociais e aos propios domicilios as reivindicacións dos sindicatos. As fórmulas foron semellantes, mais levadas a través da tecnoloxía e a vontade individual das galegas e galegos que seguiron desde a casa as diferentes intervencións telemáticas. O sector esencial traballou, caso do sanitario ao que destinaron boa parte dos sindicatos as súas intervencións trasladadas a través de internet, en substitución das tradicionais declaracións antes do inicio das manifestacións. 

CIG: a Internacional e bandeiras nos domicilios

A convocatoria da CIG coincidía co horario habitual das mobilizacións nesta data, ás 12 horas. Desde a central sindical animaran a poñer en xanelas e balcóns bandeiras galegas da Patria e vermellas, así como a cantar, nese intre, a Internacional. Nesta ocasión o lema escollido tiña relación coa actual situación de emerxencia sanitaria: Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro. Á necesidade de contar con medidas que garantan a saúde ante a pandemia e as súas consecuencias sociais e económicas referíase na súa intervención deste ano Paulo Carril, secretario xeral da CIG. "O seu impacto discrimina entre persoas ricas e pobres, porque non afecta por igual a todas as clases sociais nin a todos os pobos e nacións", sinalaba.  

Por este motivo Carril reclamaou "unha urxente rectificación" ás medidas do Goberno central e galego por considerar as aplicadas "inxustas e insuficientes". Tamén criticou que se afonde "no modelo de dependencia de Madrid e Bruxelas" polo que pediu "frear" o que considerou "abusos patronais" pola "aplicación indiscriminada de ERTE e despedimentos masivos".

Carril lembrou as propostas da central nacionalista para esta fase de desescalada que comeza agora. Entre elas, as fundamentais son derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012 e que os ERTE conten co acordo sindical e co control da Administración. Ademais, a CIG demanda "a prohibición das prórrogas dos ERTE actuais". Outras medidas urxentes serían o cobro inmediato dos atrasos da prestación por desemprego e medidas de control e garantías ao teletraballo. 

CCOO e UXT apostan polo pacto social contra a crise

Os sindicatos CCOO e UXT na Galiza recuncaron na organización conxunta desta xornada. Baixo o lema Traballo e servizos públicos: outro modelo social e económico é necesario, recorreron ás redes sociais e aos medios para conmemorar esta data. Co cancelo unitario #YosoyPrimerodeMayo e a intervención dos secretarios xerais no noso país de CCOO, Ramón Sarmiento, e UXT, José A. Gómez, reivindicaron, após recoñecer o labor do sector sanitario, a necesidade dun "gran pacto social" para afrontar a crise derivada da COVID-19.

"É o Primeiro de Maio máis importante que a clase traballadora vai afrontar nas últimas décadas", aseguraba Sarmiento. Por parte da UXT, Gómez reclamou "mellorar as condicións sociais e laborais das traballadoras e traballadores cos salarios máis precarios" e demandou "un sector social forte no noso país".

Sen manifestación da CUT

A inadmisión por parte do Tribunal Constitucional (TC) do recurso presentado pola CUT contra a sentenza que lles negaba a posibilidade de manifestarse en Vigo con vehículos particulares deixou sen accións o sindicato, por primeira vez, nesta data sinalada. O seu secretario xeral, Ricardo Castro, xa advertía a Nós Diario que desconvocaban para "non poñer en risco a xente sabendo que nestas circunstancias a represión sería con multas e co que fixese falta". Desde a CUT non entenden que  "as mesmas subdelegacións do goberno que prohiben agora estiveron aprobando sen máis caravanas conmemorativas das forzas de seguridade".

comentarios