xoves 04.06.2020

CUT defende o dereito a manifestarse o 1 de Maio: caravana de coches con todas as medidas de protección sanitarias

O sindicato organizaba esta manifestación 'vehiculizada' cunha persoa por automóbil para conmemorar o Día internacional da clase traballadora. CUT recorre ante o TSXG a prohibición "tácita" de Subdelegación do Goberno dese acto. 

Praza dos Cabalos,, Vigo, punto de inicio da caravana.
Praza dos Cabalos,, Vigo, punto de inicio da caravana.

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) ten previsto conmemorar este 1º de Maio, Día Internacional da Clase Trabaladora, cunha manifestación que se desenvolverá por medio dunha caravana de coches que percorrerá as principais rúas de Vigo e baixo o lema Capital versus Vida.Un formato inusual e que consideran que desde a Subdelegación do Goberno prohíben “tacitamente”, polo que recorren ao TSXG ao entender que o stado de alarma non prohíbe o dereito á manifestación.

A caravana responde, indica a central, á necesidade de conxugar o dereito de manifestación coa adopción de “medidas extremas de protección que baixo ningunha condición incrementen o risco sanitario”. Neste sentido, o sindicato preveu unha manifestación organizada onde se contemplan medidas relativas á utilización de máscaras e luvas no interior dos vehículos, así como a prohibición de sair dos mesmos.

CUT 1 maio

A manifestación comezará ás 11 horas do 1 de maio na Praza dos Cabalos de Vigo para rematar contra as 12 e media diante do edificio da Xunta da Galiza, percorrendo as rúas de Gran Vía en dirección Travesas, a Avenida de Castelao ata o barrio de Navia, Bouzas, Orillamar, Rúa Coruña, Gran Vía, Pizarro, Buenos Aires, Sanjurjo Badía e Arenal, para finalizar en Concepción Arenal.

O sindicato explica que a Subdelegación do Goberno de Pontevedra recibiu e 20 de abril a comunicación preceptiva desta manifestación, na que se argumentaba que, “malia o estado de alarma, non se encontra en suspensión ningún dos dereitos fundamentais, polo que a CUT entende que é posíbel manifestarse, quedando o sindicato a disposición da Subdelegación por se esta ou as autoridades sanitarias querían achegar algún tipo de indicación”.

A CUT indica que a Subdelegada do Goberno limítase a dicir na resposta que, na situación actual, “non pode trasladar un criterio sobre esta celebración e, menos aínda, avaliar a repercusión que, sobre as alteracións de orde pública ou doutra natureza….puidera ter o desenvolvemento da referida manifestación”, para concluir que o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, “non contempla, entre as actividades excepcionadas da limitación xeral para circular, os desprazamentos coa finalidade exposta na súa comunicación”.

A CUT recorre ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) a decision da Subdelegación do Goberno e só celebrará a manifestación se o Tribunal se pronuncia a favor do mantemento da mesma.

comentarios