xoves 02.07.2020

Paulo Carril (CIG): "A mobilización é a vía para evitar que volvamos pagar a crise as mesmas"

Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Nós Diario)
Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Nós Diario)

Este 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, a CIG fai un chamamento a mobilizarse desde os propios domicilios. A saúde como prioridade. Na reivindicación, unha batería de medidas de carácter urxente coa ollada posta en que o Goberno español non repita os erros da pasada crise de 2008. Falamos con Paulo Carril, secretario xeral da central sindical nacionalista.

Como será para a CIG este 1 de maio?

Diferente na forma de celebrarse mais non no seu contido e carácter reivindicativo. Durante estas dúas semanas estivemos facendo accións simbólicas para dar resposta á situación actual e facendo un chamado a celebrar o 1 de maio co carácter que sempre tivo esta data. Nunhas circunstancias como as actuais, con máis motivo aínda. A mobilización social e laboral é a vía pola que dar resposta e evitar que volvamos pagar a factura desta crise as mesmas. Hai que entender esta forma de reivindicar os dereitos e non autoconfinarse mentalmente e desactivarse socialmente, non fomentar a resignación ante unha crise inmensa que non ten, como na anterior de 2008, un culpábel definido.

Que medidas urxentes propón a CIG a partir de agora?

Entendemos que calquera prórroga dos ERTE que se promova en base ao acordado co estado de alarma sería un abuso e un grave prexuízo para a clase traballadora. Parécenos que o que cómpre, en primeiro lugar, é derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012, reestabelecendo como versión “menos mala” a vixente con anterioridade a 2003 e durante todo o tempo que non poida entrar en vigor un novo marco legal. 

Neste sentido, calquera ERTE ten que ser acordado coa representación sindical, mais tamén contar co control da propia Administración. En relación ao pago das prestacións, debería habilitarse un procedemento especial e extraordinario que permita facelo semanalmente ante a posta ao día dos expedientes. Manter a forma ordinaria de pago das prestacións, como se está a facer a día de hoxe, causa empobrecemento na clase traballadora.

Por outro lado, entendemos como fundamental que durante toda esta situación se cobre 70% da base reguladora no ERTE. Hai que lembrar que cando se chega aos 180 días de desemprego consumido, a prestación baixa a 50%, por iso mesmo tamén entendemos que debe aprobarse a derrogación da reforma feita polo Goberno do PP de 2012, que recortou as prestacións por desemprego.

As medidas de protección deberían chegar tamén ás persoas que foron despedidas ou que desde o 1 de xaneiro estiveran no desemprego percibindo a súa prestación

As medidas de protección deberían chegar tamén ás persoas que foron despedidas ou que desde o 1 de xaneiro estiveran no desemprego percibindo a súa prestación. Este período debera darse como non consumido e toda persoa traballadora, independentemente do tempo cotizado, ten que ter dereito a unha prestación por desemprego.

As empresas teñen tamén que asumir unha serie de obrigas para poder beneficiarse destas situacións. Por exemplo, completar até 100% os salarios, reincorporar progresivamente todo o persoal temporal despedido que estaba traballando antes da chegada da COVID-19, como data límite o último mes de vixencia do ERTE. Despois, entendemos que na negociación colectiva hai moitos convenios pendentes de renovar que deben ser restaurados con incrementos salariais de 1% de acordo ao IPC real que tivo lugar a finais de 2019 e que hai que garantir as cláusulas de revisión salarial.

En relación ao teletraballo, propoñemos que haxa control, garantías e dereito a unha desconexión dixital e a unha protección de datos de uso de internet. Tamén que se faciliten as ferramentas por parte das empresas para poder teletraballar.

Como se financiarían esas políticas públicas?

Falamos de propostas urxentes de execución inmediata. Propoñemos que retornen ao sector público empresas e sectores estratéxicos hoxe en mans privadas. Con este paquete social que propoñemos deberían aprobarse medidas fiscais como a creación dun imposto sobre os beneficios extraordinarios da banca e os activos financeiros xunto á eliminación dos privilexios fiscais das Sociedades de Investimento de Capital Variábel (SICAV) e as grandes empresas.

Propoñemos que retornen ao sector público empresas e sectores estratéxicos hoxe en mans privadas

Tamén nos parece que deberan de utilizarse as contías que figuran nos Orzamentos Xerais do Estado, actualmente en vigor nas partidas que están destinadas a gastos militares e á Casa Real. 

Que lle parece o calendario laboral anunciado polo Goberno para o desescalamento?

Todo calendario ten que estar asentado en dúas premisas. Primeiro, a corrección das medidas sociais, económicas e laborais. En segundo lugar, que estean definidas e resoltas todas as situacións que temos denunciado da falla de medidas de seguridade. Estamos vendo que hai situacións de auténtica desprotección dos sectores que están en activo. Como dicimos no noso lema do 1 de maio, coidan máis a saúde do capital que a saúde da poboación. A prioridade son as persoas. 

comentarios