CIG chama a un 1 de Maio “combativo e reivindicativo” malia o confinamento

Pide pendurar "bandeiras vermellas e da patria" nas xanelas e varandas e cantar A Internacional ás 12:00 horas do mediodía. O lema deste ano é “Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro”

Paula carril
photo_camera Paulo Carril

A CIG presentou a campaña do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, unha xornada que a central sindical conmemora baixo o lema “Protexamos a clase traballadora, non o capital. Por unha Galiza soberana e con futuro” e que vai estar marcada pola situación de emerxencia sanitaria e o estado de alarma. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, fixo un chamamento a manter o carácter combativo e reivindicativo da data, a que se penduren das xanelas e balcóns "bandeiras da patria e vermellas" e a cantar, ás 12:00 horas do mediodía A Internacional.

Carril sinalou a importancia de continuar a se mobilizar para exixir “políticas que garantan os nosos dereitos como clase traballadora, o benestar das maiorías sociais, pero tamén a autodeterminación, a soberanía dos pobos e nacións”.

Afirmou que a crise sanitaria converteuse nunha crise económica e social que ademais ten lugar cando “xa estabamos dentro dunha recesión económica”. Por iso advertiu que non se pode permitir “que desta nova crise neoliberal este sistema pretenda recuperarse do seu fracaso, de tanta adoración do privado e criminalización do público, cun novo saqueo á clase traballadora”.

No caso concreto de Galiza, indicou, “estabamos de cheo nunha crise social, industrial, demográfica que xa de por si tiña o impacto dunha situación de emerxencia nacional e social” e denunciou que a xestión da crise sanitaria polos gobernos galego e español “vai na dirección contraria a unha saída xusta para a clase traballadora e para o pobo galego”.

Nese sentido criticou unha recentralización que considera que serviu “de escusa perfecta ao Goberno de Feixoo para tapar o seu proxecto ruinoso para o noso país, baseado nun modelo dependente e antigalego, reaccionario e privatizador da sanidade pública e da atención ás persoas maiores”.

Ademais denunciou que nesta crise “xogou a ampliar o caos, o abuso patronal e a inseguridade para quen traballa”, ademais de facer anuncios electoralistas.

Carril rexeitou que as medidas adoptadas polos diferentes gobernos tivesen “unha maior e descarada preocupación pola saúde da economía que pola saúde da poboación”, ao tempo que apuntou que o que tamén demostrou esta crise foi que as profesións feminizadas “resultaron servizos esenciais e imprescindíbeis para o sostén da vida” mais denunciou que “seguen a estar desvalorizadas, desenvolvéndose en condicións de precariedade e inseguridade”.

O secretario xeral da CIG denunciou “a imposición de fórmulas inxustas, desde o primeiro día, que se fundamentan nas reformas laborais, como foron os ERTES indiscriminados, os despedimentos masivos, o teletraballo sen dereitos e control e os permisos e reducións de xornada para coidados da poboación vulnerábel”.

Exixiu o pago inmediato do paro, habilitando un procedemento especial e extraordinario, coa confección nóminas para efectuar os  pagos semana a semana, até a posta ao día que permita retomar os pagos a mes vencido porque, advertiu, “manter a forma ordinaria de pago das prestación é causar un retraso de graves consecuencias” ou garantir o cobro, durante todo o ERTE, do 70% da base reguladora de cada persoa traballadora.

Ademais demandou que no pago das prestacións por desemprego á persoa traballadora non se lle desconte 4,7% da base de cotización e defendeu que teñan a mesma consideración, á hora de acollerse a todas as medidas referidas a esta protección do SEPE, todas as persoas traballadoras, “incluíndo as que foron despedidas por causa desta situación ou que desde o 1 de xaneiro estiveran xa no desemprego percibindo prestación por desemprego”.

Xunto a isto defendeu que todo o tempo de desemprego, desde a data que tivo lugar por despedimento ou aplicación de ERTE por causa do covid-19, entenderase por non consumido e que “toda persoa traballadora, independentemente do tempo cotizado, teña dereito á prestación por desemprego”.

Comentarios