O Constitucional tomba o recurso da CUT reafirmando a prohibición a manifestarse o 1 de maio

Ante a proximidade do Día Internacional da Clase Traballadora, as sentenzas de diferentes tribunais de xustiza dan conta da diversidade de interpretacións arredor do estado de alarma e a limitación de dereitos fundamentais. En Aragón, o Tribunal Superior de Xustiza permite unha convocatoria con 60 vehículos nas rúas de Zaragoza e en Pamplona, Navarra, celebrarase unha acción estática con seis manifestantes. En troques, o Alto Tribunal  navarro prohibiu outra manifestación convocada con 20 vehículos.
cut
photo_camera cut

A Central Unitaria de Traballadoras da Galiza non poderá manifestarse o 1 de maio. Así o resolveu na véspera do Día Internacional da Clase Traballadora a Sala Primeira do Tribunal Constitucional. No auto, conclúese que o sindicato non preveu adecuadamente as medidas de prevención de contaxios, limitación de asistentes ou a garantía “do libre tránsito de vehículos sanitarios".

O sindicato recorrera unha sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, que mantiña a prohibición da delegación do Goberno español dunha caravana de vehículos que percorrería Vigo polo Día Internacional da Clase Traballadora."Só o estado de excepción pode de maneira motivada suspender os dereitos de mobilización e a liberdade sindical, tal e como indica a propia Constitución española e reiteradas sentenzas do Tribunal Constitucional", sinalou a CUT despois de coñecer a resolución do TSXG e antes de recorrer ao Constitucional.

En Aragón, o Tribunal Superior de Xustiza si permitiu unha manifestacións similar convocada por Intersindical de Aragón e na que participarán 60 persoas polo 1 de maio. As manifestantes percorrerán as rúas en vehículos privados cunha única ocupante. O Alto Tribunal revocou así a prohibición da delegación do Goberno español en Aragón, sinalando que a limitación dos dereitos fundamentais só cabe no estado de excepción, e non de alarma, como argumentou a central sindical.

A sentenza inclúe o voto particular dun dos letrados no que solicita a revisión dun dos artigos do Real Decreto polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitarim, apuntando á súa posíbel inconstitucionalidade. A propia aprobación desta figura suscitou un intenso debate na comunidade xurídica, que a profesora de dereito administrativo da USC, Alba Nogueira, resumiu en conversa con Nós Diario avogando por posibilidades menos invasivas en materia de dereitos e liberdades.

A sentenza do Constitucional

O Tribunal Constitucional apunta que o Real Decreto que regula o estado de alarma “non permite a suspensión de ningún dereito fundamental” como o de reunión. Porén, engade que se poden adoptar medidas “que poden supoñer limitacións ou restricións ao seu exercicio”. Os letrados sitúan eses límites na protección á saúde e na garantía da integridade física das persoas. “Semella obvio que a prohibición de celebrar a manifestación”,  responde á finalidade de “evitar a propagación dunha enfermidade grave”, engaden.

O Tribunal Constitucional salienta que na proposta dunha manifestación de vehículos privados a CUT non preveu medidas para compensar a concentración de coches de existir “unha resposta masiva”. O auto fai fincapé en o percorrido trazado podería limitar o acceso aos hospitais da “zona alta” para quen vive máis preto da costa ou dificultar a prestación de servizos esenciais. A sentenza incide en que Vigo é a segunda urbe con máis casos activos de coronavirus na Galiza.

A manifestación galega non foi a única denegada durante o estado de alarma. En Catalunya, o partido Lluita Internacionalista interpuxo un recurso contencioso-administrativo despois de que o Departamento de Interior da Generalitat denegase a tramitación da comunicación dunha concentración prevista o 24 de abril ante o Parlament.

A Administración catalá argumentou a súa negativa en que o dereito de reunión non se pode exercer durante o estado de alarma, mentres Lluita Internacionalista alegou, como a CUT, a vulneración dun dereito constitucional. Neste, o Alto Tribunal determinou que correspondía ao Ministerio do Interior autorizar a manifestación e non á Generalitat.

Manifestacións autorizadas en Navarra e Aragón

Como en Aragón, o Alto Tribunal de Navarra permitiu a celebración dunha manifestación convocada polo 1 de maio. Así, seis manifestantes de diferentes centrais sindicais concentrarase na praza de Recoletos da capital gardando as distancias de seguridade, ao desprenderse que non existe risco para a saúde.

A delegación do Goberno español suspendera previamente esta concentración, decisión revogada polo Tribunal Superior de Xustiza de Navarra. No auto, sostén que no estado de alarma o dereito fundamental de manifestación pódese restrinxir, mais non suprimir. A concentración, “estática, durará corenta minutos. En troques, a convocatoria do sindicato LAB cunha caravana de 20 vehículos para a mesma xornada si foi prohibida cunha argumentación similar á do Tribunal Constitucional.

Comentarios