O sector galego das conservas convoca unha manifestación nacional en Boiro

Após unha mesa de negociación infructuosa o pasado 2 de febreiro, os sindicatos da conserva veñen de convocar unha nova vaga de mobilizacións na que destacan unha manifestación nacional en Boiro o 19 de febreiro e tres xornadas de folga en marzo.
Concentración do sector das conservas en Boiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración do sector das conservas en Vilagarcía. (Foto: Nós Diario)

A Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte e Telecomunicacións da Confederación Intersindical Galega (FGAMT-CIG), a Federación de Industria, Construción e Agro da Unión Xeral de Traballadores e Comisións Obreiras de Industria reuníronse co obxectivo de “ir avanzando e concretando as medidas de presión necesarias” para alcanzar “un acordo satisfactorio para as persoas traballadoras do sector de conservas de peixe”.

Neste senso as federacións dos tres sindicatos consensuaron realizar unha gran manifestación nacional en Boiro o próximo día 19 de febreiro ás 12 horas e convocar tres xornadas máis de folga os días 14, 16 e 18 de marzo.

Así mesmo, entre a manifestación do 19 de febreiro e o comezo dos días de folga que arrancarán o 14 de marzo, porán en marcha outras medidas de presión entre as que destacan “a realización de concentracións nas portas dos supermercados”.

A demanda laboral pola que se retoman as xornadas de folga e se convoca unha mobilización nacional en Boiro é obter un novo convenio que garanta o poder adquisitivo, un incremento salarial non inferior ao índice de prezos de consumo cada ano, a igualdade retributiva entre mulleres e homes, o incremento da porcentaxe de oficiais de primeira e segunda favorecendo o dereito á promoción, e licenzas para o acompañamento médico de crianzas e persoas maiores a cargo.

Reclamación de unha nova reunión da mesa de negociación

En declaracións a Nós Diario, a representante da FGAMT-CIG, Mar Vila, mostrou a desconformidade do sector despois dunha mesa de negociación do 2 de febreiro cunha duración “de 12 horas” na que a patronal, após “un ano de negociacións”, decidiu dar un “ultimato” á representación dos traballadores e “levantarse da mesa” ao non ser este aceptado.

Vila sinala que a reclamación principal do sector é “que a patronal chame para retomar a mesa de negociación no punto que quedou na última reunión”, na que “xa se deran pasos de aproximación” entre as partes “que non son suficientes” pero que ían “nunha liña de achegamento”.

As actuais convocatorias trátanse da continuidade dunha vaga de mobilizacións que comezou coa anterior manifestación nacional do 18 de decembro en Vilagarcía e as tres xornadas de folga que tiveron lugar a partir do 21 de xaneiro.

Comentarios