Multitude de persoas demandan en Boiro un convenio xusto para a conserva

Os sindicatos CIG, UXT e CCOO convocaron unha manifestación en Boiro na quinta feira para demandar un convenio xusto para o sector da conserva. A xornada foi acompañada por multitude de persoas que percorreron as rúas boirenses. 
Conserva manifestación Boiro
photo_camera Manifestación do sector da conserva en Boiro. (Foto: CIG)

Multitude de persoas se congregaron esta quinta feira, 3 de febreiro, na praza do Concello de Boiro nunha segunda xornada de folga, após a que tivo lugar o pasado o 21 de xaneiro. Na sexta feira o colectivo da conserva da Barbanza volverá a saír ás rúas de Boiro nunha concentración na que tamén terá lugar unha cazolada.

Dunha praza ateigada partiu unha manifestación que percorreu as rúas do casco urbano boirense para logo rematar a xornada de reivindicación no punto de saída.

Centos de persoas seguiron unha pancarta asinada pola CIG, UXT e CCOO que encabezaba a manifestación e que rezaba "Por un convenio xuto na conserva".

Estes sindicatos esixen a negociación para acadar un novo convenio que mellore as condicións laborais e remate coa fenda de xénero dun sector amplamente feminizado.

Os sindicatos, satisfeitos co seguimento

Jorge Meira, da CIG, explicou que “sempre tiveron vontade negociadora” e culpou á patronal de ser quen “está a romper a mesa ao non convocar novas datas de reunión”.

Álvaro Lois, da UXT, fixo unha valoración positiva do seguimento cun “paro de case 100% e por riba de 90% en todas as empresas”.

O portavoz de CCOO, Enrique Reino, subliñou que “despois de 40 anos o convenio da conserva necesita un grande impulso” para poñerse “á altura do resto dos convenios de alimentación”.

A patronal di estar aberta ao diálogo

Pola súa parte, dende a patronal indicaron que seguen abertos ao diálogo e mostraron sorpresa pola convocatoria nun momento no que se estaban achegando posturas entre as partes, así mesmo, sinalaron que a folga responde a intereses partidistas aludindo á proximidade das eleccións do sector, que terán lugar o vindeiro ano.

Comentarios