Os sindicatos rexeitan o borrador do convenio do sector das conservas pola "desigualdade salarial"

Un dos sectores máis feminizados da industria, o da conserva, atópase no medio da negociación dun novo convenio colectivo que marcará o futuro laboral de 16.000 persoas nos vindeiros cinco anos. As empresas galegas representan un 85% de todas as do Estado e veñen de aumentar a súa facturación coincidindo coa crise provocada pola pandemia.  
Protesta do cadro de persoal da empresa de conservas Thenaisie diante do “Foro La Toja” o pasado outubro de 2020.(Nós Diario)
photo_camera Protesta do cadro de persoal da empresa de conservas Thenaisie diante do “Foro La Toja” o pasado outubro de 2020.(Nós Diario)

As negociacións para o novo convenio colectivo do sector das conservas manterá o vindeiro 12 de maio a súa terceira reunión coas posturas definidas e distanciadas entre a representación empresarial e os sindicatos. 

A intención da patronal, segundo explican CIG, CCOO e UXT, é incrementar a xornada laboral e pasar de 1.730 horas até 1.770, así como que se mude de traballar de segunda feira até sexta feira para engadir os sábados e domingos. Ademais, propoñen que a xornada irregular, que polo Estatuto das e dos Traballadores é dun 10% da xornada anual, chegue a ser dun 20% e a xornada diaria pase de ser de 9 horas até 10 horas diarias.

En relación ao persoal fixo discontínuo, a representación empresarial pide facilitar a mobilidade funcional dentro da empresa. No tocante ao aumento salarial, a proposta da patronal é que non haxa en 2021 e que en 2022 sexa de 0,5%, en 2023 de 0,25%, en 2024 de 0,50% e en 2025 de 0,75%. 

Roberto Alonso, vicesecretario xeral de Anfaco-Cecopesca, cre que nas primeiras reunións houbo "diferentes puntos de vista", mais con "talante negociador". Sinala a Nós Diario que os sindicatos deben entender que "o mercado é competitivo" en Estados como Francia ou Alemaña, onde "un 50% das conservas de atún proveñen de terceiros países". 

Para a patronal, a prioridade é "manter as fábricas moitos anos máis" e rexeita "ser curtopracista”. Por último, engade que no propio borrador do convenio hai referencia á "igualdade retributiva" entre homes e mulleres "que as empresas deben cumprir". 

Desigualdade salarial

A proposta sindical quere regular, a través do convenio, os dereitos básicos e fundamentais para que se corrixan as "anomalías" que existen nestes sectores. Unha delas é a diferenza salarial entre homes e mulleres. "Non cobra igual un oficial de primeira de oficios varios que unha oficial de primeira de fabricación”, asegura Francisco Vilar, de CCOO-Industria, como exemplo da desigualdade que segue a predominar neste sector. Para o sindicalista este tipo de diferenzas económicas, que poden chegar a ser de entre un 20% ou un 25% nalgúns casos, “non teñen ningún tipo de xustificación”.

O trato discriminatorio cara á muller neste sector, segundo Vilar, aumenta cando están embarazadas, "que en moitas empresas xa non as volven chamar", e no caso de ter que coidar de fillas, fillos ou persoas maiores "a conciliación coa vida persoal non existe" polo que, ao cabo, afirma, "condena as mulleres a abandonar o seu posto".

Tamén o remate da vida laboral prexudica as mulleres. "Os salarios tan baixos garanten pouco máis da pensión mínima e se abandonaron o traballo non teñen dereito á pensión por non cotizar os anos suficientes", asegura Vilar, "algo que non sucede no home que traballa na conserva ou na transformación dos produtos do mar", sentencia.

Posturas encontradas

Desde a CIG propoñen facilitar un convenio colectivo onde se poida conciliar a vida persoal e familiar. Para Rosa Abuín, da central nacionalista, "neste caso é todo o contrario". Piden unha redución de xornada "que manteña os días de traballo de segunda a sexta feira e un incremento salarial acorde para non perder o poder adquisitivo" ademais da desaparición das empresas de traballo temporal. 

Manoli Filgueira, de UXT, considera "inaceptábeis" as liñas do borrador da patronal do sector. En declaracións a Nós Diario compara este convenio con outros "que tocan salarios, extensións de xornada e mobilidade". Entende que é "unha proposta agresiva" onde "perdemos os dereitos que tanto tempo nos custou conseguir".

As tres forzas sindicais non descartan chegar a mobilizarse no caso de que desde a representación empresarial non modifiquen a súa proposta.

Comentarios