LABORAL

CIG impugna perante a xustiza o convenio da conserva

Considera que a negociación do acordo, asinado por UGT, CCOO e patronal, vulnera a liberdade sindical alén de recortar dereitos das operarias
conserva cig manifestacion industria sindicato convenio
photo_camera conserva cig manifestacion industria sindicato convenio

A CIG anunciou que impugnará perante a Sala do Social da Audiencia Nacional o convenio para a conserva subscrito por patronal, CCOO e UGT (e que a sexta feira desta semana será ratificado oficialmente) por entender que é lesivo tanto na forma como no fondo.

No que respecta á forma,  a central nacionalista denuncia que se produciu unha “vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical” ao ser excluída a CIG dunha negociación colectiva para a cal estaba lexitimada. Non é unha cuestión menor, inciden desde a central, pois a comisión negociadora do convenio reuniuse de costas á CIG, “omitindo a preceptiva convocatoria a este sindicato”. A xurisprudencia noutros casos semellantes, apunta o sindicato, supón unha vulneración do “dereito fundamental de liberdade sindical”.

Mais a CIG non se opón ao convenio só por cuestións de forma, senón que tamén amosa o seu rexeitamento ao contido e fondo deste. Por este motivo, lamentan que o incremento económico pactado para 2011 sexa dun 1,5% cando o IPC foi do 2,4 por cento.

Nesta mesma liña, sinálase que o aumento salarial para 2012, 2013 e 2014 vai ser de “1,3% sen revisión”.

O sindicato nacionalista tamén critica que se incrementase en 8 horas a xornada anual, “as cales se aplicarán en 4 horas máis para o 2013 e outras 4 para o 2014”. E ligado a este punto, tamén cuestiona a CIG que 120 horas sexan de “flexibilidade horaria anual”. Iso tradúcese, prosiguen @s nacionalistas, “en que poderá prolongarse a xornada ao sábado e domingo”. Por todo iso, a CIG cualifica o convenio subscrito por patronal, CCOO e UGT de “outra chapuza máis”.

Comentarios