O sector do percebe mobilizarase pola apertura de novas zonas para a extracción de mexilla

As confrarías piden respectar "escrupulosamente" os plans de xestión do percebe.
Unha percebeira traballa nas rochas do Cabo Touriñán, en Muxía (comarca de Fisterra). (Foto: Santiago Pérez)
photo_camera Un percebeiro traballa nas rochas do Cabo Touriñán, en Muxía (Foto: Santiago Pérez).

A Federación de Confrarías de Pescadores da Coruña exixiu esta segunda feira o cumprimento da normativa actual e que se respecten "escrupulosamente" os plans de xestión do percebe. 

Así o fixo saber a través dun comunicado despois da decisión tomada pola Xunta da Galiza de abrir entre 20 e 25 quilómetros adicionais de costa á extracción de mexilla (semente do mexillón) en bancos naturais para que os bateeiros poidan facer fronte á escaseza de cría.

En resposta á medida do Executivo galego, a Federación de Confrarías anunciou que desenvolverán unha concentración nas inmediacións da xefatura comarcal da Consellaría do Mar en Ribeira, na comarca do Barbanza, o próximo 17 de marzo.

O colectivo dos pósitos criticou que a Consellaría do Mar "cedese ás presións do sector bateeiro" e que de maneira "unilateral" incluíse a posibilidade de "saltarse" a normativa aprobada na xestión de recursos marisqueiros e pesqueiros abrindo "zonas que, a proposta das confrarías, tiña fechadas á extracción da mexilla".

A organización lembrou que saíu publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) a orde de aprobación dos plans de xestión para os recursos específicos (entre eles os do percebe) que inclúe zonas de exclusión para a recollida de mexilla nos bancos máis significativos de percebe.

Importancia das zonas

Na normativa, segundo sinalan, do total do litoral do ámbito das Federacións de Confrarías da Coruña e de Pontevedra só 16% está vedado á extracción de semente de mexillón mentres que no ámbito da de Lugo non é posíbel a súa recolección.

"Desde as confrarías non cremos que a apertura de 16% de costa sexa a solución á escaseza de mexillón en 84% do litoral restante, con todo, para os percebeiros ese 16% é moi importante xa que se trata de zonas seleccionadas precisamente pola súa relevancia, xa sexa por cantidade ou por calidade", explicaron desde a federación de pósitos. "Perder esas zonas pode ser un auténtico drama nun ano xa de seu complicado", sinalou finalmente o colectivo.

Comentarios