Bateeiros e percebeiros buscan solucións para traballar de maneira conxunta

A principios de maio comezaron os altercados. A falta de cría de mexillón en zonas como a Illa de Arousa, Portonovo ou Sanxenxo trasladou a súa captura nun principio a Cangas e logo a otros municipios. Algúns bateeiros aseguran que o outro colectivo quere venderlles a mexilla e desde os percebeiros afirman que se danan os seus bancos de percebe. Unha situación difícil cando os dous sectores contan con autorización.  
Xuntanza das confrarías e bateeiros coa mediación da Xunta (Consellaría do Mar)
photo_camera Xuntanza das confrarías e bateeiros coa mediación da Xunta (Consellaría do Mar)

Os enfrontamentos dos últimos días entre bateeiros e percebeiros pola extracción da cría de mexillón en distintas zonas da costa galega trouxeron de novo á actualidade a dificultade existente na coordinación e na convivencia entre ambos os colectivos. Malia que a extracción da cría do mexillón e do percebe, localizadas no mesmo hábitat, está regulada por lei, en momentos de falta de mexilla en zonas habituais, como Sanxenxo, os bateeiros procuran atopala noutros lugares da costa.   

Reunións sen resultado

Houbo xa varias reunións coa mediación da Xunta entre ambos os colectivos. Na do pasado 14 de maio en Vilagarcía de Arousa as dúas partes puxeron de manifesto que a idea era evitar conflitos nas diferentes zonas de explotación. As federacións de confrarías e asociacións de bateeiros trasladaron daquela as propostas que xurdiron para que o seu colectivo puidese aprobalas e buscar atallar as discrepancias que se rexistran cando coinciden en zonas de traballo. Era a maneira de lograr unha solución que contase co asentimento de todas as partes e, ao mesmo, tempo, atinxir unha explotación responsábel de percebe e de mexilla.

Desta reunión saíu a proposta de reservar as zonas que están sendo obxecto de conflito entre ambos os sectores, de maneira que tanto percebeiros como bateeiros poidan realizar unha explotación sustentábel dos seus recursos. Por outra banda, coa vista posta no futuro, a Consellaría do Mar e os dous colectivos acordaron analizar as diferentes zonas de traballo dos percebeiros e as de maior abundancia de mexilla para avanzar na xestión de ambas as dúas especies de maneira conxunta.

Semana conflitiva

Malia ese inicio de conversas, os conflitos sucedéronse nos últimos días. Esta pasada segunda feira foi na Guarda, o día 19 na Coruña e o día 20 en Muxía. Nesta última ocasión tivo que intervir o alcalde da localidade, Iago Toba, que defendeu a posición dos percebeiros. "Buscan impresionar dunha forma visual", indica Toba en relación ás negociacións que se levan a cabo coa mediación da Consellaría do Mar. Percebeiros e percebeiros saben que o sector da batea ten permiso para traballar en toda a costa, mais solicitan que se faga naqueles lugares onde non hai percebe e si mexilla.

Por parte da Organización de Produtoras de Mexillón da Galiza (Opmega) afirman que queren que a Xunta delimite sobre plano onde non se pode extraer. Afirman que a pasada segunda feira acordaron solicitar á Consellaría do Mar as zonas onde terían prohibido extraer cría de mexillón até o día 30 de xuño, cando remataría a campaña actual. 

Analizar zonas de traballo

Na última xuntanza mantida onte entre os colectivos, coa participación da Consellaría do Mar, reiterouse o compromiso das dúas partes de buscar unha solución transitoria de preservar as zonas de discrepancia pola extracción común de mexilla e percebe. Para ter unha solución definitiva analizarán as diferentes zonas de traballo  para avanzar na xestión responsábel de ambas as especies de maneira conxunta. 

Comentarios