Bateeiros arrodean a Xunta para protestar contra as restricións á mexilla

"80% da mexilla saía desas zonas", lamenta o mexilloeiro José Manuel Oubiña.
Bateeiros concentráronse esta quinta feira diante da sede da Xunta e tiraron a modo de protesta mexillóns sobre a estrada. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Bateeiros concentráronse esta quinta feira diante da sede da Xunta e tiraron a modo de protesta mexillóns sobre a estrada. (Foto: César Arxina / Europa Press)

Máis dun centenar de bateeiros arrodearon na mañá desta quinta feira as oficinas da Xunta en San Caetano, en Santiago, para protestar contra as delimitacións das zonas para recoller a mexilla impostas pola Consellaría do Mar. Coches, furgonetas e até lanchas a bordo dun remolque volveron colapsar sorpresivamente, como hai unha semana, as estradas da capital galega, e patrullas da Policía Local tiveron que regular o tráfico en varias rúas.

Fronte ao portal grande de San Caetano, os participantes nesta protesta fixeron soar as bucinas e os megáfonos á vez que pediron a dimisión da conselleira, Rosa Quintana, á que se referiron ironicamente como "percebeira". O presidente da Asociación de Mexilloeiros da Illa de Arousa, José Manuel Oubiña, explicou que o que queren os bateeiros é que os deixen "traballar" a mexilla, que é "a semente do futuro mexillón".

Acusou a Consellaría de restrinxir "moitas zonas" nas que levaban "70 anos colleitando mexilla e nunca houbo problemas", até que o ano pasado fecharon. Segundo cálculos desta asociación, que aglutina propietarios dunhas 2.000 bateas, "80% da mexilla saía desas zonas" agora vetadas.

Para compensar esta medida, a comezos de febreiro a Xunta decidiu abrir arredor de 120 quilómetros de porto para a recolección do produto, pero Oubiña insistiu en que "non vale para as bateas". "Como se abren 300 quilómetros", engadiu.

Ante este panorama, o presidente do colectivo arousán advertiu que está "moi en risco" a próxima campaña do mexillón "e os postos de traballo indirectos" que crea, cunha baixada da produción que estimou "entre 30 e 40%".

"Non nos negamos a que pasemos puntos de control, que nos miren... O único que pedimos é que nos deixen traballar, non pedimos subvencións nin nada", resolveu Oubiña, en declaracións ante os medios.

Comentarios