O conflito territorial pola cría de mexillón xera división entre produtores e confrarías

As limitacións impostas pola Consellaría do Mar á extracción de mexilla xeran un cisma entre as confrarías galegas.
Os percebeiros reclaman a  protección das súas principais zonas produtoras, nas que non se poderá extraer mexilla (Foto: Mexillón de Galicia).
photo_camera Os percebeiros reclaman a protección das súas principais zonas produtoras, nas que non se poderá extraer mexilla (Foto: Mexillón de Galicia).

A semana pasada, as protestas de ducias de bateeiros marcaron a visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana a Vilagarcía de Arousa. Detrás destas desatadas manifestacións de malestar emerxe un conflito sobre a extracción da cría do mexillón, a mexilla, que ten a súa orixe nunha resolución da Consellaríana que delimita as zonas de extracción da semente.

A delimitación, segundo argumenta a Consellaría do Mar, pretende "velar pola conservación e rexeneración tanto da semente do mexillón como do percebe e os seus ecosistemas", así como "garantir unha explotación sostíbel, equilibrada e responsábel" de ambos os dous recursos.

Mar xustifica que a regulación é "a máis equilibrada posíbel" para todas as partes e que se apoia en meses de traballo e diálogo coas distintas partes implicadas. Ademais, incide en que afecta a só 17% do territorio no que hai presenza de mexilla e aclara que estará en vigor até que non estean aprobados os plans de xestión do percebe para o período 2022-2024, nos que quedarán delimitadas as zonas de reserva da extracción da semente do mexillón dentro do ámbito de cada plan.

Desde a Federación Galega de Confrarías defenden a proposta da Xunta. Como explica a Nós Diario o seu presidente e patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez, "todos traballamos encima das mesmas pedras, pero non por favorecer un sector vas arruinar o outro". 

Sinala, ademais, que moitas das confrarías non delimitaron ningunha zona para a recollida da semente do mexillón, pero que outras como a de Aguiño (Ribeira), con 200 percebeiros censados e que viven todo o ano diso "teñen que protexer esas pedras máis sensíbeis para o percebe", argumenta Pérez, que insiste en "primar o diálogo" e evitar o enfrontamento entre confrarías. "Nós temos que ser xustos para uns e para outros", abundou.

Cisma entre confrarías

Precisamente, ese cisma entre confrarías xerado pola proposta da Consellaría do Mar é un dos aspectos negativos que ven desde as organizacións de produtores. "En 70 anos que se leva indo a mexilla nunca houbo enfrontamentos. Podería haber algún roce puntual, pero nunca chegamos á situación na que estamos agora", asegura José Manuel Oubiña, presidente da asociación de produtores Illa de Arousa, que lembra que "máis de 35.000 persoas viven do sector".

Sobre as alternativas propostas, como aumentar a todo o ano o período de extracción, alertan de que a ausencia de vedas pode acabar co recurso. "70% da nosa cría saía dese 17% que restrinxen e eses datos tíñaos a Consellaría, que sabe de onde colles e canto colles", denuncia Oubiña.

Outra alternativa é ampliar as cordas colectoras, unha solución que ve como "un parche para certo número de bateas", pois non en todas arraiga a mexilla, explica. E sobre a posibilidade de habilitar criadeiros ("hatcheries") argumenta que non é algo que se faga "de hoxe para maña". "Haberá que ver cantos quilos produce e se é rendíbel ou non", engade. 

Por último, Oubiña insiste en que o conflito xerado pola mexilla é coa Xunta, por "actuar de costas ao sector", e non cos percebeiros.

Comentarios