O Santander xa executou 222 despedimentos na Galiza

A reestruturación da banca, coas novas fusións e os fechamentos de oficinas, está a deixar numerosas protestas no país. Mentres empresas como BBVA seguen a organizar a súa estratexia, o Banco Santander está preto de conseguir o 70% das rescisións de contratos previstas no Expediente de Regulación de Emprego (ERE).
Imaxe de arquivo dunha sucursal da entidade bancaria. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo dunha sucursal da entidade bancaria. (Foto: Europa Press)

A banca segue a executar os seus plans de reestruturación facendo caso omiso ás protestas dos usuarios dalgunhas oficinas, dos sindicatos e mesmo de traballadoras e traballadores. Unha das empresas que leva máis acelerado o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) é o Banco Santander, que xa acadou o despedimento de 2.395 persoas, 222 delas na Galiza.

Dáse a circunstancia de que neste caso as condicións da baixa colectiva estaban negociadas coa representación do cadro de persoal desde o ano pasado, mais aínda así está a implicar cambios para as e os empregados que fican na empresa e tamén para a clientela.

Dos números globais que pactou a entidade financeira xa leva completado o 67% das saídas, a maior parte nos estabelecementos do Estado español. A estas alturas, o país é o terceiro territorio no que se oficializou un maior recorte de postos tan só por detrás de Madrid (355) e Andalucía (325).

A maioría das rescisións de contrato afectan a operarias de máis de 55 anos, pero un 21% dos despedimentos implican a menores de 50 anos.

Malia as negociacións nas que se apoia o ERE o certo é que na Galiza non houbo unha satisfacción total co acordo. De feito, hai poucas semanas unha representación de empregadas, apoiadas pola CIG, protagonizaban unha concentración en Vigo.

Alí reprocharon ao Santander que abrise “chiringuitos” ao tempo que tiña previsto chegar aos 370 despedimentos nas oficinas galegas. Así aludiuse á inauguración dun “work café” en contraposición co plan para fechar 79 sucursais.

Unha delas será a de Guísamo, na que nin persoal nin usuarias están a favor. Por iso tamén levaron a cabo accións de protesta pola decisión de suprimir este estabelecemento e os postos de traballo, con consecuencias negativas tamén para a veciñanza, que terá que trasladarse a outras zonas lonxe por tratarse dunha oficina que daba atención ao concello de Bergondo, aínda con moita dispersión poboacional.

Comentarios