domingo 18/04/21

Acusan o Santander de "abrir chiringuitos" na Galiza mentres prepara un ERE para 370 empregadas

A hostalaría da zona onde abriu o "work café" da entidade bancaria en Vigo sumouse á protesta, ao considerar prexudicial esta "competencia". A representación sindical non só ve con preocupación a desaparición dos postos de traballo senón tamén o empeoramento da atención á clientela.
Protesta ante o negocio aberto pola entidade bancaria. (Foto: CIG)
Protesta ante o negocio aberto pola entidade bancaria. (Foto: CIG)

Unha representación de persoas empregadas polo Banco Santander na Galiza mobilizáronse hoxe en Vigo para denunciar a estratexia da entidade financeira, que ao seu parecer, “abre chiringuitos” ao tempo que prepara un Expediente de Regulación de Emprego que se traducirá en 370 despedimentos no país.

Para a federación de Banca da CIG non é xusto nin axeitado que se inauguren espazos coma un “work café” en Vigo, ao que consideran un deses “chiringuitos”, mentres se mantén a idea de botar a chave a 79 sucursais.

Isto, din, suporá un prexuízo para a clientela, que terá que agardar maiores “colas”. Porén, o máis preocupante para a central sindical é que os plans da empresa inclúen un despedimento colectivo de 370 persoas.

Parte do empresariado da hostalaría da zona onde se abriu este espazo sumouse ás protestas ao considerar inadecuado que a entidade “opte por facer a competencia nun contexto de alerta sanitaria que está a causar un forte impacto sobre o sector”.

Por iso durante a acción de protesta despregaron na rúa unha faixa co lema “Non ao SantandERE”. As e os viandantes e as persoas que se achegaron ao novo espazo puideron frases críticas como “Coffee shop non Santander e a clientela sen atender” ou “Máis persoal, menos work café, que non banco non sobra ninguén”, entre outras.

Para a CIG-Banca este tipo de negocios paralelos “non fan máis que afondar na falta de atención, nomeadamente á xente maior ou á xente que non dispón de medios dixitais para manexarse neste mundo tecnolóxico que se nos impón”.

Por iso, acusan á dirección de estar pouco interesada nas e nos clientes agás para “acribillalos a comisións”.

Así mesmo, denuncian que lles parece dun “profundo cinismo e falta de vergoña” que desde o Santander, a súa presidenta Ana Patricia Botín, declare que queren conseguir que a xente “non teña que ir á oficina senón que queira ir á oficina”. Na realidade, está previsto acabar con case 80 oficinas de proximidade só na Galiza.

comentarios