Rogelio Santos, mariñeiro: "Estaba canso da mala opinión sobre o sector do mar e quixen dignificar a miña profesión"

Rogelio Santos Queiruga leva 25 anos traballando no mar. Coa planadora, xunto ao seu irmán, percorre a ría de Muros e Noia desde Porto do Son e conta nas redes sociais como son as súas capturas ao tempo que difunde o respecto por esta profesión e polo medio ambiente. Anécdotas e información enchen os seus perfís de Facebook e Twitter coa intención de que coñezamos cales son as especies protexidas para dar unha imaxe construtiva do mundo mariñeiro.
O mariñeiro Rogelio Santos Queiruga na ría de Muros e Noia con parte da captura do día (Nós Diario)
photo_camera O mariñeiro Rogelio Santos Queiruga na ría de Muros e Noia con parte da captura do día (Foto: Nós Diario)

Como iniciou a súa andaina nas redes sociais?

Traballo no mar desde os 18 anos. Meu pai morrera nel cando eu estaba rematando a EXB e tiven que axudar na casa onde, ademais, coidabamos dunha avoa. Deixei os estudos daquela e recentemente decidín retomalos e quitei a ESO para adultos e o Bacharelato. Un dos profesores animoume a escribir en internet. Foi unha maneira de expresar o que sentía, neste caso, sobre moitos temas.

Descubrín que á xente lle encantaba que explicase cousas do mar, sobre o meu traballo ou as miñas vivencias. Ao final decidín facer unha páxina en Facebook só diso. Notaba que era un tema que interesaba e nas redes sociais había moita información boa, mais tamén moita negativa e eu quería achegar algo positivo. Estaba canso da mala opinión que hai sobre o sector do mar e quixen dignificar a miña profesión. Hai un dito popular entre nós que afirma: "Parece que é máis delito andar ao mar que andar á droga".  

Cal é a fórmula que emprega para transmitir ese respecto polo mar?

Fago moitos chamamentos e apoio causas como contra a mina de Touro, a lei de acuicultura da Xunta ou a falta de saneamento. Quixen buscar unha maneira para animar a xente e pensei que a mellor sería gravar vídeos e mostralos. Por exemplo cando devolvemos especies ao mar. Que as persoas vexan que un mariñeiro coida do mar para os que os demais fagan o mesmo. No meu caso, xunto co meu irmán, podemos devolver o que serían 1.000 ou 2.000 euros ao mes de especies ovadas, protexidas ou que non dan o tamaño. Non se poderían vender na lonxa mais si sería fácil venderllas a un particular. Mostramos que mesmo na terra é menos esforzo non tirar un plástico ao chan do que facemos nós.

Tamén é unha chamada para o propio sector?

Efectivamente. Vexo moito o pésimo exemplo que nos dan os gobernantes que temos. Moita xente, incluída a do meu sector, pensa máis en pagar alugueiros e dar de comer á familia mais outros en realidade queren mercar un coche máis caro. Nunca defenderei danar o mar, mais se queremos que as persoas cumpran, as institucións teñen que dar exemplo. Non serven só as multas, vale o exemplo. Hai quen me di que o que devolvo ao mar "logo virá outro collelo"... non me importa, actúo para min. Se non houbese ningún tipo de norma eu agora non podería ir ao mar. Quixera tamén que non se criticasen tanto as accións para protexer o mar, que son tan importantes.

Como é a interacción coas seguidoras e seguidores?  

Os comentarios máis frecuentes son, por un lado, aqueles que afirman que "oxalá máis xente fixese coma ti", e eu sempre lles digo que nunca houbo na historia da Galiza tantas normas con respecto ao mar nin tan alto nivel de cumprimento. Sei de compañeiras e compañeiros que devolven as raias pequenas ao mar, que non representa un gran custo polo peixe senón polas dificultades para sacala do aparello. Tamén vexo chegar ao peirao desde os barcos as bolsas de lixo que recollen do mar para depositar nos contedores por conciencia. 

Tamén hai agradecementos e persoas que amosan a súa sorpresa polo que descobre do mar. Moitas quedan asombradas polas especies que recollo e mostro nas redes sociais. Eu quero pór en valor o meu traballo mais tamén a nosa terra, a nosa variedade de peixes que temos e a riqueza que representan. Levo moito tempo centrándome neses vídeos, mais noto unha acollida enorme. Tendo en conta que non son contidos morbosos nin populistas, que se fan máis virais.

Comentarios