venres 29.05.2020
Cara a un sistema sustentábel

O novo vertedoiro de Ordes e o modelo de xestión do lixo chegan a Bruxelas

Nada máis ter coñecemento da intención de Reciclaje Ambiental Lesta, S.L. de construír un vertedoiro de residuos non perigosos na parroquia de Lesta (Ordes), a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, visitou o lugar acompañada de veciñanza e do BNG de Ordes e comprometeuse a loitar no Parlamento europeo contra a instalación. Conversamos con ela acerca das iniciativas que presentou.

[Imaxe: AGE] Camión descargando lixo no vertedoiro de Sogama directamente
[Imaxe: AGE] Camión descargando lixo no vertedoiro de Sogama directamente

Convidada polo BNG de Ordes e veciños e veciñas de Lesta, Ana Miranda visitaba o 26 de agosto o lugar en que Reciclaje Ambiental Lesta, S.L. -empresa da que é administrador un ex edil do PSOE de Cerceda que se ocupaba da área de Obras e Servizos- pretende construír un vertedoiro de residuos non perigosos. A raíz desa visita, a portavoz do BNG en Bruxelas presentou dúas iniciativas cuxo obxectivo pasa por camiñar cara a un modelo de xestión do lixo sustentábel.

En declaracións a Sermos Galiza, Ana Miranda explica que, a través dunha das propostas, empraza a Comisión Europea a facer “unha avaliación do Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020, pois incumpre totalmente a normativa dos tres R: reducir, reutilizar e reciclar”. “Previamente, presentárase unha denuncia perante a Comisión de Peticións no Parlamento Europeo que aínda non foi tratada e que queremos axilizar”, engade.

Ana Miranda: "Queremos que a Comisión Europea examine o plan da Xunta porque contravén a normativa europea"

“Pretendemos que a Comisión Europea examine o plan da Xunta porque contravén a normativa europea e tamén lle pedimos que diga se existe unha investigación aberta ao respeito por falta de cumprimento”, afirma Ana Miranda, quen denuncia que a comarca de Ordes se está a converter “no vertedoiro de Galiza”.

“Na visita que fixen aos arredores da planta de Sogama vin como chegaron camións e como depositaron as bolsas sen teren tratado o lixo previamente, cando os residuos deben ser tratados en orixe”, revela. “Os cheiros e os problemas de contaminación e de saúde son unha constante nunha comarca que non pode verse ameaza por ningún vertedoiro máis”, salienta.

Miranda teme que o novo vertedoiro sexa “un anexo á planta da Areosa [hai escasos 400 metros entre ambos os terreos] para as cinzas e escouras que saian de Sogama"

A portavoz do BNG en Bruxelas teme que o novo vertedoiro que se pretende instalar na parroquia de Lesta sexa “un anexo á planta da Areosa [hai escasos 400 metros entre ambos os terreos] para as cinzas e escouras que saian de Sogama”. “Representaría todo un negocio a costa do sufrimento da comarca”, engade Ana Miranda, quen tamén fai referencia á ra catalogada como “especie vulnerábel” que habita na finca afectada.

AGE tamén levará o modelo de xestión do lixo a Bruxelas

Pola outra banda, Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), reuniuse a pasada sexta feira, 2 de setembro, coa Asociación de Afectadas e Afectados do Vertedoiro de Lesta, que lle trasladou o seu maior temor: “o vertedoiro de Lesta realmente é un pé que Sogama está metendo no concello de Ordes”.

AGE presentará en Bruxelas diferentes preguntas dirixidas á Comisión Europea para denunciar a situación

Recollendo as demandas da Asociación, Lídia Senra comprometeuse a “traballar desde xa” e a dar todo o seu apoio para impedir que o proxecto vaia adiante. Neste sentido, a eurodeputada anunciou nun comunicado de imprensa que presentará en Bruxelas diferentes preguntas dirixidas á Comisión Europea para denunciar a situación. Salienta que continuará en diálogo permanente coas persoas afectadas para estabelecer novas liñas de actuación a defender na Eurocámara.

A xuízo de Lídia Senra, “a solución non pasa só por impedir que este novo vertedoiro se instale en Lesta, senón por debater, facer forza e mudar o actual modelo que representa Sogama, realizando unha aposta decidida pola reciclaxe e a redución de lixo”. Ao igual que lle aconteceu a Ana Miranda, a europarlamentar de AGE foi testemuña de como os camións depositaban o lixo sen tratar en terreos do vertedoiro de Sogama.

comentarios