Pola derrogación da reforma laboral: descobre a que manifestación podes asistir

A CIG insta á poboación galega a asistir ás mobilizacións que promove para o próximo 30 de xaneiro. Após un acordo entre o Goberno do Estado español, a patronal, CCOO e UXT que non convence a boa parte da poboación, o sindicato chama á loitar pola recuperación de dereitos para a clase traballadora.

Detalle do cartel da CIG para chamar á mobilización cidadá. (Foto: CIG)
photo_camera Detalle do cartel da CIG para chamar á mobilización cidadá. (Foto: CIG)

Ante o acordo dunha nova reforma laboral por parte da ministra de Traballo, Yolanda Díaz; representantes dos grandes colectivos do empresariado e os sindicatos UXT e CCOO, a CIG considera que non se dan os pasos precisos para recuperar os dereitos perdidos pola clase traballadora cos cambios do PP en 2010 e 2012 e continúa co seu chamamento ás protestas.

En resposta a esta nova modificación -á que son contrarios tamén outros sindicatos e outras organizacións como pode ser o BNG-, a central sindical ultima os detalles para as manifestacións que convoca para o próximo 30 de xaneiro.

A cita decorrerá, en paralelo, na Galiza, Euskal Herria e Catalunya, polo que se estás fóra do país na data sinalada poderás acudir igualmente a algunha das concentracións para pedir a derrogación de todas as reformas laborais.

De feito, a convocatoria pretende ser unha “resposta ao novo ataque á clase traballadora que supón esta reforma laboral”.

Para a CIG a modificación da norma implicará, de saír adiante, “maior precariedade e aumento da centralización da negociación colectiva”.

Onde apoiar esta causa?

Os lugares que acollerán as protestas na defensa da recuperación dos dereitos laborais perdidos desde 2010 serán:

A Coruña. Ás 12 horas na praza de Vigo,  onde acostuman ter lugar moitas das convocatorias do sindicato.

Ferrol. A protesta principiará ás 12 xunto ao local sindical da CIG na avenida de Esteiro.

Lugo. O punto de encontro, tamén ás 12 do mediodía, será o Edificio Sindical situado na rolda da Muralla.

Ourense. Neste caso a cita será ás 11.30 horas no Edificio Sindical do parque de San Lázaro.

Pontevedra. Ás 12 horas na praza da Ferrería.

Vigo. Tamén á mediodía comezará a manifestación desde a Dobrada.

Vilagarcía de Arousa. Ás 12 horas na Casa do Mar.

Viveiro. A vila da Mariña chamará á participación ás 12 horas na praza do Concello.

Ribeira. A mobilización está prevista para as 12 horas na praza do Concello.

Cee. Diante da Casa Consistorial ás 12.00 horas.

Futuras protestas

Así mesmo, o sindicato ten previsto concentrarse diante da Delegación do Goberno do Estado español na Coruña e as subdelegacións de Pontevedra, Ourense e Lugo o mesmo día que a reforma chegue ao pleno do Congreso, que prevén para o 3 de febreiro.

“Coa aprobación do RD/Lei 32/2021, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos incumpriu a promesa que tantas veces anunciara, posto que non se derroga a reforma laboral de 2012 imposta polo PP”, lamentan fontes sindicais, que sosteñen que no tan promocionado “diálogo social”, tanto o Goberno do Estado español como UXT e CCOOO “pregáronse aos intereses da patronal”.

A favor da patronal

Desde o punto de vista da entidade convocante, o texto que está agora nas mans de traballo mantén as medidas do PP pero tamén suma outras que “favorecen o empresariado á conta da clase obreira”.

Fala, por exemplo, de que o despedimento segue a ser sinxelo e barato e non se recuperan as antigas cifras para as indemnizacións en caso de despedimentos improcedentes.

Por outra parte, “non se recupera a nulidade dos despedimentos en fraude de lei” e “incorpóranse novos contratos de formación e temporais e modalidades de ERTE que afondarán na precariedade”, entre outras cuestións.

Comentarios