Opinión

Unha reforma laboral histórica ou unha mentira obscena? (I)

Unha reforma laboral histórica foi o cualificativo que a Sra. ministra de Traballo e o seu partido, Unidas Podemos, tiveron a ousadía de dar á nova reforma laboral asinada polo Goberno español, CCOO, UXT, CEOE e CEPYME, o pasado 23 de decembro, e aprobada en Consello de Ministros o 28.12.21, mediante a forma legal de R.D.L. 32/2021. Unha vez máis, canta mentira, canto márketing e canta manipulación mediática; lévano no ADN.

Nada de novidoso ten esta reforma que mereza o tal cualificativo de histórica. Estamos de novo diante da posta en práctica da política de Pacto Social, que tan nefastas consecuencias tivo e ten para a clase traballadora, desde que se empezou a practicar cos Pactos da Moncloa de 1977, nos que xa daquela participaron tamén os autores desta reforma, incluído por certo o PCE, do que é militante a ministra de Traballo actual, a sra. Iolanda Díaz. Había moitos anos que este partido político non tiña protagonismo na política española e, unha vez máis, teno para mostrar o seu convencido españolismo, reforzando o carácter centralista do marco español de relacións laborais, e para favorecer os intereses da burguesía española.

Nin no contido, nin nas formas, nin nos protagonistas, nin na clase social que sae beneficiada, nin na manipulación informativa sobre os contidos e os obxectivos desta, nos pode levar a dicir que estamos diante dunha reforma laboral histórica nin novidosa.
Esta reforma non modifica no fundamental a reforma laboral do PP, de 2012, así recoñecido por dirixentes do PP tan destacados como o seu presidente Pablo Casado (“aínda que mantén o 90% da nosa reforma non é motivo suficiente para darlle o noso apoio”) ou o Sr. Aznar que pide directamente o apoio do PP a esta reforma, e mesmo tamén por algúns dos propios asinantes do Pacto, como é o caso do presidente da CEOE, Antonio Garamendi que di que “esta reforma mantén a esencia da reforma laboral de 2012 e que garante a liberdade de empresa, a seguridade xurídica e a paz social”, ou o que é máis significativo, polo propio secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, quen en declaracións ao Faro de Vigo, do 1 de xaneiro de 22, di expresamente: “A reforma non está pechada; as negociacións quedaron a medio camiño; quedou por negociar a parte máis importante como todo o relacionado coas causas e o custo dos despedimentos, o procedemento para os ERE e a negociación colectiva; limitámonos a negociar as cuestións que o Goberno español se comprometeu coa Unión Europea”. Máis claro, auga.

Efectivamente, na reforma fanse algunhas modificacións nas modalidades de contratación de carácter temporal como son os contratos por obra ou servizos, circunstancias da produción, interinidade, formación e prácticas ou na modalidade de fixos descontinuos (falsos indefinidos na grande maioría dos casos). Búscase, por parte do Goberno español, incrementar esta última modalidade de contratación, a de fixo descontinuo, a custa da redución dos contratos por obra e servizo, para modificar, artificialmente, as estatísticas de temporalidade e poder así, formalmente, cumprir cunha das esixencias da Unión Europea para ter acceso aos fondos Next Generation.  

Pero hai aspectos da nova normativa en materia de contratación que indican que a redución da temporalidade e precariedade non vai ser moi exitosa, por exemplo: mantense unha modalidade de contratación temporal non ligada a circunstancias imprevisíbeis ou non estruturais; o límite da duración dos contratos temporais fíxase no tempo pero non nas causas nin no número de persoas afectadas; nos teóricos contratos de fixos por obra no sector da construción, facilítase o despedimento vía indemnización do 7%; téndese a esvaer a distinción clásica entre traballo temporal e traballo fixo; non se contempla a esixencia lóxica de que os traballadores e traballadoras das empresas de contratas e subcontratas teñan as mesmas retribucións que a empresa principal.

Comentarios