Opinión

Unha reforma laboral histórica ou unha mentira obscena? (e II)

Esta reforma laboral, ao abeiro do mantra do "diálogo social", utilizado mesmo como vía de chantaxe os grupos políticos con representación no Parlamento español, consolida os aspectos máis lesivos da reforma laboral do PP do ano 2012, como é o caso de: as reducións nas indemnizacións por despedimento; a eliminación dos salarios de tramitación; a non esixencia de autorización administrativa nos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE e ERTE); as facilidades á patronal para os despedimentos colectivos ou por causas obxectivas; a prevalencia dos convenios estatais sobre os convenios provinciais ou autonómicos; a prevalencia do convenio de empresa sobre o convenio sectorial, excepto en materia salarial; as facilidades á patronal para descolgarse do cumprimento dos convenios colectivos asinados; a distribución irregular da xornada laboral e, como novidoso, contempla a creación do chamado Mecanismo en Rede que vai posibilitar ás empresas suspender os contratos ou reducir a xornada dos seus traballadores e traballadoras, é dicir, unha modalidade de ERTE multiempresa, con cargo a fondos públicos e co control deste mecanismo por parte da administración, os sindicatos e a patronal estatais.

Estamos a falar, pois, dunha reforma laboral que mantén todos os aspectos chave no que ten que ver coa flexibilización, desregulación e precarización do mercado laboral, é dicir, cumpre fielmente coas esixencias da patronal para unha mellor defensa dos seus intereses de clase; reforza o marco estatal de negociación e polo tanto o poder e o control sobre este das centrais sindicais españolas, especialmente das asinantes da reforma (é parte do pagamento pola súa entrega ao poder establecido), debilita en consecuencia a clase traballadora en xeral e busca debilitar as centrais sindicais soberanistas, maioritarias na Galiza e Euskadi, e nun importante proceso de medra en Catalunya. En definitiva, consolidación dun modelo de relacións laborais que cumpre coas directrices que ao respecto ten o capital para o mercado laboral a nivel mundial.

Estamos ante máis do mesmo que as reformas laborais anteriores. E todo isto faise coa complicidade e apoio de dúas centrais sindicais supostamente de clase, CCOO e UGT (as dúas vinculadas ideoloxicamente coas forzas políticas gobernantes), e da man dun goberno "progresista" e dunha ministra "comunista". Mellor escenario para o capital imposíbel. Impón a súa política laboral de recortes e precariedade co respaldo político e social da suposta esquerda española. Non é de estrañar pois que os medios de comunicación do sistema dediquen tanto espazo e tempo a enxalzar a imaxe, a estética burguesa e o "bo facer" da señora Ministra de Traballo. O capital nunca regala nada; o que dá sempre é a cambio de preservar o seu poder e os seus intereses de clase. E, neste caso, atopou en Iolanda Díaz unha merla branca, que ademais gusta de selo, e vaina aproveitar durante todo o tempo que poida e lle sexa funcional.

Cómpre manter pois, diante desta farsa, a mobilización permanente, local e xeral, esixíndolle ao Goberno español o prometido e incumprido de derrogación da reforma laboral do PP, así como tamén do seu complemento, a Lei mordaza.

Non teño a menor dúbida de que o sindicalismo nacionalista galego, perfectamente clarificado, como sempre e desde o primeiro momento, respecto do significado negativo desta reforma laboral, dará a resposta acaída a esta mentira, engano e manipulación, desenvolvendo un importante labor de clarificación nas empresas e de mobilización da clase traballadora galega.

O importante é ter claro o camiño a seguir e vontade de recorrelo. O como, o momento e o tempo que se tarde en facelo, vai depender das circunstancias e da correlación de forzas en cada momento. A CIG, exemplo claro de vangarda sindical no Estado español, reiteradamente demostrado, non teño a menor dúbida de que ten claro o camiño e a firme determinación de andalo.

Comentarios