Traballadoras das tendas de Inditex volverán á folga ás portas do Nadal

Logo das folgas realizadas o 24 e o 25 de novembro en demanda dunha suba salarial digna, traballadoras de Inditex acordaron convocar unha nova xornada de reivindicación o 23 de decembro.

Manifestación das traballadoras de Inditex o pasado 25 de novembro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación das traballadoras de Inditex o pasado 25 de novembro (Foto: Nós Diario)

Traballadoras das tendas de Inditex acordaron, nas diferentes asembleas realizadas esta semana, convocar unha nova xornada de folga para o venres 23 de decembro nos concellos comprendidos na provincia da Coruña. Desta maneira dan continuidade ás folgas realizadas o 24 e 25 de novembro en demanda dunha suba salarial digna que “lles permita recortar as enormes diferenzas retributivas que existen con compañeiras e compañeiros doutras empresas do grupo”, segundo indicou esta sexta feira, 2 de decembro, a Confederación Intersindical Galega (CIG).

Ademais, a propia central sindical avisa de que “se non se producen movementos por parte da multinacional téxtil, as dependentas decidiron ir a unha convocatoria de folga indefinida no mes de xaneiro”. Esta xornada coincidirá co período de rebaixas nas tendas da empresa téxtil.

“Proposta insuficiente”

Traballadoras de Inditex din rexeitar a proposta presentada pola empresa na mesa de negociación “por insuficiente”.  Unha mesa de negociación que as traballadoras conseguiron abrir na provincia da Coruña e que despois a multinacional pactou en Madrid con CCOO e UXT, "roubándonos o dereito a negociar nós mesmas e aquí as nosas condicións de traballo", afirman. 

As dependentas reclaman un incremento progresivo dos seus soldos que en tres anos acade os 440 euros ao mes. Porén, desde a CIG denuncian que "malia que a empresa rexistra beneficios milmillonarios" Inditex limita esta suba a un total de 198,93 euros no 2024.

Dereitos sociais negados

A maiores, Inditex négase de plano a negociar que se lle aplique ao persoal das tendas os dereitos sociais que, despois de duras loitas sindicais, xa teñen recoñecidos as traballadoras e os traballadores doutras empresas, como as axudas por coidado, para adquisición de libros ou o bono comedor.

Diante do que interpretan como unha discriminación no “recoñecemento dos dereitos, de ter que soportar os peores horarios e xornadas, de elevada parcialidade que sofren e de ter os soldos máis baixos de todo o grupo", as traballadoras están dispostas a continuar na loita até conseguir unhas condicións económicas e laborais dignas, para o que convocan esta nova xornada de folga o 23 de decembro.

Comentarios