As dependentas de Inditex son chamadas á folga no 'Black Friday'

Os paros comezarán esta quinta feira naquelas tendas que adiantan os descontos polo 'Black Friday'.
Lefties é unha das tendas de Inditex chamadas ao paro polo 'Black Friday' (Foto: Europa Press).
photo_camera Lefties é unha das tendas de Inditex chamadas ao paro polo 'Black Friday' (Foto: Europa Press).

A folga convocada polos sindicatos CIG e UXT nas tendas de Inditex da división administrativa da provincia da Coruña comezará esta quinta feira nalgunhas cadeas que adiantan o 'Black Friday'.

Así o sinalou esta cuarta feira a portavoz de servizos da CIG, Carmiña Naveiro, quen ratificou que o paro "segue para adiante", tras romper as negociacións sobre a suba salarial do persoal.

"O 24 van algunhas cadeas que xa empezan os descontos mañá -por esta quinta feira- e o 25 van todas", apuntou a representante do sindicacato nacionalista en referencia ao 'Black Friday'.

En xornadas anteriores, esta portavoz reclamou "menos postureo e máis salarios" por parte da compañía, á que reprocha non realizar "ningún movemento" nas conversacións sobre os soldos.

Segundo indicou, a proposta da empresa mantívose nun incremento de 120 euros para 2022, outros 20 para 2023 e 40 para 2024, un total de 180 euros, cando esta organización reclama entre 440 e 500 euros para todas persoas traballadoras, dun persoal composto por entre 1.300 e 1.400 persoas, na súa gran maioría mulleres.

En busca dun salario "decente", Naveiro criticou que "moitas" das dependentas teñen "dificultades para chegar a fin de mes", e resaltou que isto ocorre na mesma provincia na que Inditex ten a central, de aí que “se mobilicen máis".

As tendas chamadas aos paros

Naveiro augura un seguimento "histórico" da folga, despois da manifestación do pasado día 6. Están chamadas a secundala persoas traballadoras de Zara, Zara Home, Stradivarius, Bershka, Pull & Bear, Oysho, Tempe, Lefties, Massimo Dutti e Kiddy's Class.

Comentarios