Inditex incrementou en 41% os seus beneficios no primeiro semestre do ano fiscal

A compañía alcanzou os 14.845 millóns de euros en vendas.
A presidenta de Inditex, Marta Ortega, na Xunta Xeral de Accionistas. (Foto: Europa Press)
photo_camera A presidenta de Inditex, Marta Ortega, na Xunta Xeral de Accionistas. (Foto: Europa Press)

Inditex rexistrou un beneficio neto de 1.794 millóns de euros durante o primeiro semestre do seu exercicio fiscal 2022-2023 (entre o 1 de febreiro e o 31 de xullo), o que supón un incremento de 41% respecto ao mesmo período dun ano antes, segundo informou esta cuarta feira a compañía, que resaltou que as vendas, resultado bruto de explotación (Ebitda) e beneficio neto alcanzaron un máximo histórico.

En concreto, as vendas, que foron positivas en todas as áreas xeográficas, alcanzaron 14.845 millóns de euros, 24,5% superior ás dun ano antes, mentres que as vendas a tipo de cambio constante creceron 25%.

Pola súa parte, o Ebitda creceu 30%, até 4.029 millóns de euros, mentres que o resultado neto de explotación (Ebit) creceu 44%, até 2.431 millóns de euros.

"Estes resultados explícanse por catro factores crave no noso desempeño. A nosa proposta de moda, unha experiencia de compra constantemente optimizada para os nosos clientes, o noso enfoque en sustentabilidade e o talento e compromiso da nosa xente. O noso modelo de negocio está a funcionar a pleno rendemento e ten un gran potencial de crecemento a futuro", asegurou o conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras.

Outros datos

A marxe bruta situouse en 8.594 millóns de euros, 24,5% superior ao do primeiro semestre fiscal de 2021, e representa 57,9% das vendas, o máis alto do últimos sete anos. Inditex espera unha marxe bruta estábel (sobre os 50 puntos básicos) para o exercicio 2022.

Inditex destacou que a boa execución do modelo de negocio incrementou "significativamente" a xeración de caixa. Así, a caixa neta creceu 15%, até 9.242 millóns de euros.

A compañía resaltou que, ao longo do primeiro semestre deste ano, o tráfico e as vendas en tenda creceron de maneira destacada e continúan nesta tendencia e engadiu que a diferenciación das tendas de Inditex foi “clave” nesta dinámica.

A venda 'en liña' progresou de maneira "satisfactoria", segundo o grupo, e foi positiva no segundo trimestre de 2022. A compañía agarda que supere 30% da venda total en 2024. Finalmente, no primeiro semestre do ano fiscal Inditex realizou aperturas en 24 mercados, e ao final deste período de seis meses contaba con 6.370 tendas.

Comentarios