Comeza a folga en Inditex: "40 euros para agradecer 15 anos de traballo", di unha traballadora

'Nós Diario' conversa cunha traballadora que irá á folga o 25-N sobre as condicións que teñen nas tendas da multinacional.
Interior dunha tenda de Stradivarius (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera Interior dunha tenda de Stradivarius. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

Traballadoras e traballadores de todas as tendas do grupo Inditex irán á folga nos concellos comprendidos na provincia da Coruña o día 25 de novembro, coincidindo co Black Friday, para demandar da multinacional un incremento salarial digno e melloras que igualen o seu colectivo ao doutros da multinacional. Esta quinta feira mesmo comezarán os piquetes informativos e tamén adiantarán o seu feche algúns estabelecementos.

Diferenzas de salario entre os departamentos

Cristina leva quince anos traballando en tendas para Inditex. Como o resto das súas compañeiras considera que hai unha fenda entre o persoal das tendas e outros postos non titulados, como os de Loxística. “O seu salario é o dobre que o noso e non contamos con cuadrienios como eles”, explica a Nós Diario.

No seu caso, polo tempo que leva na empresa, cobra, e cobrará, 40 euros como “plus de permanencia” na multinacional. “Ese é todo agradecemento cando no caso deles contan cun aumento de 86 euros cada catro anos”, engade. As desigualdades continúan nas xornadas de traballo. “Contan con plus para as tardes e os sábados mentres nós non, cobramos igual un sábado que calquera outro día”, relata. 

En relación ás comisións por vendas que teñen as empregadas das tendas de Inditex, Cristina apunta que desde que entrou non variaron moito, todo o contrario. Tampouco contan con axudas sociais cando “en Loxística teñen axudas para os libros de texto das fillas e dos fillos ou para a Universidade”.

Alén diso, non teñen acceso a comedores “e temos que vir co tapper cando eles contan con servizo para comer cun menú por 0,50 euros”. Esta traballadora é contundente na súa conclusión: "Somos o último de Inditex, trátanos como se isto fose un complemento laboral e somos familias que tratamos de saír adiante".

A folga convocada nos comercios de Inditex arrinca esta quinta feira na cidade da Coruña, mais nesta sexta sumaranse Santiago de Compostela e Ferrol, sendo estes tres municipios o epicentro dos paros na compañía téxtil.

Comentarios