Masivo seguimento da folga das dependentas de Inditex en pleno 'Black Friday'

As traballadoras avanzan novas mobilizacións en decembro e xaneiro.
inditex aaaa

A segunda xornada de folga nas tendas de Inditex da provincia da Coruña, após a decorrida esta quinta feira de forma preparatoria á convocada esta sexta feira como mobilización principal e que coincidiu co Black Friday, rexistrou un seguimento "moi amplo", segundo as convocantes.

"A maioría do persoal, un 90%, non foi traballar, as dependentas estamos na rúa tanto na Coruña, como en Ferrol e en Santiago", confirmou a delegada da CIG no comité de empresa de Stradivarius na provincia da Coruña, Lucía Domínguez, durante a mobilización decorrida este mediodía na cidade herculina. A protesta transcorreu ante ampla presenza policial nun ambiente festivo e con cánticos alusivos aos salarios sobre os que reclaman unha suba. 

Domínguez explicou que "hai tendas fechadas" e nas que están abertas están a traballar "mandos intermedios" que teñen outras condicións económicas. "Cobran moitísimo máis que nós", puntualizou.

Salarios

En canto aos salarios, denunciou que existen casos "en similar categoría e cualificación que cobran até o duplo" e indicou como "problema engadido" que "a maioría" das dependentas están "a tempo parcial". "Os contratos de tempo completo están reservados como premios a persoal responsábel de mandos intermedios".

O seguimento foi "masivo" por parte das traballadoras das tendas da Coruña, Ferrol ou Compostela das múltiples firmas do Grupo: Massimo Dutti, Stradivarius, Oysho, Bershka, Pull&Bear, Tempe, Zara, Zara Kids ou Zara Home, entre outras. “Todas as dependentas, agás as que teñen cargos de responsabilidade, están en folga”, afirmou Carmiña Naveiro, da CIG.

As manifestacións foron numerosas tamén nas outras cidades e a indignación era palpábel porque “Inditex fixo o posíbel para meter nas nóminas a suba salarial que asinaron en Madrid os señores de CCOO e UXT e que as traballadoras de aquí rexeitamos en varias asembleas”.

Naveiro, presidenta do comité de Zara, salienta a esmagadora participación na folga en Compostela malia “os intentos de coacción de Inditex” que utilizou por vez primeira a intranet da empresa “INET” para “lembrarlles as súas obrigas e dereitos, indicar ás traballadoras como comportarse cos piquetes e informar de canto se lles detraería do salario se ían á folga”.

Fronte a isto, Naveiro asegura que a reacción das traballadoras, lonxe de arredarse, “foi inicialmente de mosqueo”. Unha indignación que tornou en “máis ánimo aínda para secundar a folga como se viu nos piquetes e nas manifestacións”.

Vulneración do dereito de folga

A presidenta do comité de Zara concluíu salientando o trunfo que supón ter conseguido que Inditex chamase esta quinta feira, un día antes da convocatoria de folga provincial, para informar de que se cinguirían a cumprir a lei. Unha resposta que chegou tras a CIG presentar denuncia na Inspección de Traballo pola pretensión da empresa de vulnerar o dereito á folga das traballadoras, substituíndoas por outras contratadas vía ETT ou cun contrato eventual para cubrir esta xornada.

Marta Ortega, a actual presidenta do grupo Inditex, tamén foi obxecto dos moitos cánticos que corearon as manifestantes, nuns casos lembrándolle a recente festa decorrida na Coruña, rodeada de luxos e de modelos de alta costura como Naomi Campbell, mentres as traballadoras “non chegan a fin de mes” e noutros para afear a insensibilidade de non negociar con elas porque “está no iate de papá”.

Comentarios