As mulleres ocupaban sete de cada dez postos de traballo destruídos desde 2019

A mellora da ocupación no último ano non foi quen de compensar a forte perda de emprego de 2020, o que provoca que haxa 1,4% menos mulleres traballando na Galiza das que había no 2019.
Nicolasa Castro e Natividade López durante a presentación do informe da muller no mercado laboral e os actos do 8-M (Foto: Nós Diario)
photo_camera Nicolasa Castro e Natividade López durante a presentación do informe da muller no mercado laboral e os actos do 8-M (Foto: Nós Diario)

As mulleres galegas están a ter moitas máis dificultades que os homes para recuperar os valores previos á pandemia no que a actividade e ocupación se refire, unha situación que desde o sindicato CIG atribúen a que a crise sanitaria obrigounas a facérense cargo das persoas dependentes e, posteriormente, en 2020, co feche de determinadas actividades, fixo aumentar fortemente o  número de mulleres en labores do fogar á custa dun descenso da ocupación. 

Esta é unha das conclusión do informe sobre a situación laboral das mulleres na Galiza en 2021 presentado onte pola secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, e a responsábel do gabinete técnico de Economía no sindicato, Natividade López, que evidencia que a crise económica afectou dobremente as mulleres, entre outras razóns, por unha situación máis precaria de partida, que facilitou en maior medida a non renovación de determinados contratos. 

Nesta liña, o documento destaca que, ao contrario que na media estatal, onde xa hai máis mulleres ocupadas que no ano 2019, na Galiza as mulleres están lonxe de acadar a situación anterior á pandemia. 

En todas as variábeis básicas a Enquisa de Poboación Activa (EPA) arroxa peores resultados: maior perda de poboación activa, maior perda de ocupación e igual aumento do desemprego, apuntan desde a CIG. En concreto, respecto a 2019, no país hai 12.900 persoas en activo ─traballando ou na procura de emprego─ menos que hai dou anos, das cales 68,2% son mulleres; 10.100 persoas ocupadas menos, das cales 73,2% son mulleres; 18.500 persoas inactivas máis, das cales 60% son mulleres, e 2.800 persoas paradas máis, igual en homes que en mulleres.

A precariedade vai a máis

Segundo explicou Natividade López, no ano 2021 a taxa de actividade feminina situouse en 48,3%, 8 décimas menos que en 2019 e a 8,8 puntos porcentuais. Mais a medida que aumenta a idade tamén a distancia entre as taxas vai incrementando polo peso dos coidados, que fai que as mulleres "teñan que se  ir apartando do mundo laboral".

O informe tamén constata unha menor presenza das mulleres no mercado laboral nas primeiras etapas, unha diferenza que fai temer que "nin o maior nivel formativo que neste intre sustentan as mulleres sexa capaz de acabar con estas diferenzas".

No que atinxe á ocupación, asegura que "foi tan forte a perda" en 2020 entre as mulleres que, a pesar de incrementarse moito máis que a masculina en 2021, segue a ser 1,4% inferior que en 2019. De feito, respecto dese ano, as mulleres representaron 73,4% do emprego que se perdeu na Galiza.

Mais o peor, apunta López, é que os empregos que resisten están marcados por unha forte precariedade e unha escasa duración dos contratos. En 2021 asináronse 421.968 novos contratos a nome de mulleres dos que 94,8% foron temporais e perto da metade (43%) cunha duración inferior a un mes. 

En materia de pensións, isto tradúcese, como apuntou Nicolasa Castro, en que a "carreira de obstáculos" que é a vida laboral das mulleres "fai que cheguemos á vellez sendo máis pobres que os nosos compañeiros". 

Dereitos da muller traballadora

No mesmo acto, a CIG presentou a campaña para conmemorar o 8 de marzo, unha data que, tal e como explicou Nicolasa Castro, o sindicato quere recuperar "como xornada de loita polos dereitos das mulleres traballadoras".

Así, convocaranse mobilizacións en 21 localidades do país para chamar a atención sobre a responsabilidade dos Gobernos na situación de desigualdade que seguen a padecer as traballadoras na Galiza.

Segundo denuncian, non se deron pasos cara a un novo modelo retributivo, con igual salario para traballos de igual valor, nin se adoptaron medidas que contemplen compensacións económicas para compatibilizar traballo e coidados, ao tempo que critican a falla vontade para converter en ferramentas útiles os plans de igualdade ou avanzar na prevención e control do acoso no traballo.

Comentarios