Catro de cada dez traballadores galegos cobraron por baixo do salario mínimo

CIG advirte da "trampa" de comparar os datos de emprego cos de 2020 e incide en que se perderon postos de traballo na maioría de sectores en relación a 2019.
As mulleres e as persoas novas están entre os colectivos máis afectados pola temporalidade e os contratos parciais (Foto:Europa Press).
photo_camera As mulleres e as persoas novas están entre os colectivos máis afectados pola temporalidade e os contratos parciais (Foto:Europa Press).

O mercado laboral galego foi un dos poucos que rematou 2021 sen alcanzar os valores previos á pandemia, os de 2019, tanto en ocupación ─persoas en idade de traballar con un emprego─ como en poboación activa ─persoas empregadas ou en disposición de traballar─. Por iso a CIG, que a cuarta feira presentou un informe sobre a situación do mercado de traballo na Galiza en 2021, considera "unha trampa" comparar os datos cos de 2020. 

"É imposíbel que os datos de 2021 fosen peores aos de 2020", recoñeceu o secretario de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Francisco Sío, que incidiu en que a maioría de sectores non se dan recuperado, en especial a industria, que segue sumida nunha "crise", e a hostalaría e o comercio, moi prexudicados polas restricións sanitarias derivadas da Covid.

Outro dos aspectos sobre os que chamou a atención o responsábel sindical é que, "por primeira vez", a poboación ocupada menor de 45 anos é inferior á metade do total, o que dá conta da "febleza" dun mercado laboral "precarizado" que fai que ás persoas máis cualificadas "non lles quede máis remedio que buscar a emigración como saída", denunciou Sío.

Cae a poboación activa

Pola súa parte, a técnica do gabinete de Economía da central sindical, Natividad López, recoñeceu a súa "preocupación" pola realidade laboral galega que, como apuntou, en 2019 "aínda non se recuperara da anterior crise en termos de poboación activa e ocupación". 

A este respecto, sinalou que na Galiza había a feche do pasado ano máis de 90.000 persoas activas menos e 30.000 se falamos das ocupadas en comparación coas cifras de 2009. 

En relación co ano anterior á pandemia, a Galiza foi un dos seis territorios que non logrou en 2021 os valores dese ano. De feito, como apuntou, no país había a 31 de decembro pasado 10.000 persoas ocupadas menos (-0,9%), pero "o que máis preocupa" é que na poboación activa ese descenso é de 1%, con 12.900 persoas menos que en 2019.

Como explicou no transcurso da rolda de prensa decorrida en Compostela, 70% dese descenso na ocupación corresponde a mulleres, e a práctica totalidade a persoas menores de 45 anos, que pasaron de 52% do total de ocupadas a 48,9% en 2021.

Salarios precarios

Sobre a cuestión salarial, con datos da Axencia Tributaria de 2020, a técnica da CIG advertiu de que catro de cada dez asalariadas galegas (39,8%) cobraron por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI) ─porcentaxe que en 2019 se situaba en 34%─, e 19,9% menos incluso de 3.000 euros brutos anuais.

Isto provocou, segundo Natividad López, que aumentasen "moitísimo" as desigualdades entre a clase traballadora, sobre todo como consecuencia dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), nos que se viron inmersas un total de 196.619 persoas no país. 

Curiosamente, algunhas delas, destaca a técnica da CIG, en especial as de ingresos inferiores á metade do SMI (menos 3.000 euros anuais), saíron beneficiadas polo feito de que as empresas acollidas aos ERTE tiñan restrinxidos os despedimentos.

Temporalidade en aumento

Un aspecto no que incide o estudo da CIG sobre o mercado laboral en 2021 é na duración dos contratos. Catro de cada dez foron temporais, cunha duración inferior aos tres meses, e 30% deles cunha duración inferior incluso a unha semana.

Parte desa temporalidade corresponde ás contratacións no sector público, onde a taxa pasou de 25% a 29,2%. "Nunca no sector público tivéramos unha taxa de temporalidade desta magnitude, sempre fora menor que a do sector privado, o que nos fai sospeitar que é algo conxuntural", indican desde a CIG.

Xunto coa temporalidade, as xornadas parciais, "outro dos factores que precarizan o mercado", afectaron 14,5% dos asalariados, sendo as mulleres (23% do total fronte 6% dos homes) novamente as máis prexudicadas.

Comentarios