O paro rexistrado sobe na Galiza mentres baixa no conxunto do Estado

Outubro despediuse con 991 persoas máis rexistradas no desemprego. Os sectores onde máis aumenta, agricultura e servizos.

grúas construción obras traballo
photo_camera Construción foi un sector onde baixou o paro na Galiza, mais de maneira leve.

O paro sobe na Galiza mentres baixa no conxunto do Estado español. Aumentou en outubro en 991 persoas mentres no Estado descendía en 734.

O desemprego rexistrado na Galiza deuse nomeadamente no sector Primario (onde aumentou en máis de 400 persoas) e no de Servizos (240 máis). En Construción e Industria houbo baixada no paro mais en cifras ‘modestas’: 75 persoas desempregadas menos no primeiro caso e 75 no segundo.

En canto a contratos, o mes pasado asináronse máis de 89.000 na Galiza, sendo de novo os temporais (por riba dos 81.000) os que representan a maior parte.

A Seguridade Social perdeu en outubro de media na Galiza 1.578 cotizantes respecto de setembro (-0,15%), de forma que queda en 1.032.651 afiliados, segundo datos do Ministerio. Unha baixada que contrasta coa subida media de 159.478 cotizantes respecto ao mes de setembro no Estado, o que situou o número total de ocupados en 19.662.163 cotizantes.

Outubro é tradicionalmente, no conxunto do Estado, un mes de destrución de emprego

Outubro foi un mes de fortes diferenzas no Estado por territorios no que respecta ao paro. Así, mentres descendía de maneira importante en comunidades como Canarias, Euskadi ou Madrid, aumentaba noutras, como Andalucía, Balears ou Galiza.

A CIG sinala a forte caída do emprego no sector Primario e no sector Servizos, “pola estacionalidade neste sector”, mais tamén apunta a situación da Industria que “non dá remontado e leva xa unha baixada interanual enorme pola crise que sufrimos no Norte e no Sur do país”.

A central nacionalista responsabiliza desta situación “ás políticas da Xunta, que fan que avancemos en sentido contrario”. Nese sentido denuncia que “a aposta pola eucaliptización fai que no sector primario perderamos 404 postos de traballo neste mes, un 8%, e que a aposta polo Camiño de Santiago, ou o que é o mesmo, polo sector Servizos, fai que o mercado laboral sexa máis precario e con peores condicións´.

Para CCOO, a suba do paro e un novo aumento dos ERTE non vinculados á covid revelan "problemas de fondo na economía galega". Desde a UXT, por outra banda, considérase que, "á vista dos datos, a situación económica e social do noso país presenta aínda unha ampla marxe de mellora". 

Comentarios